Archivo (5 del 2019)

Buscador

Noticias

Dende a posta en marcha da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia concedéronse no seu marco 3.683 axudas públicas á I+D+i por máis de 833 millóns de euros que conseguiron mobilizar máis de 1260 millóns. Esta cifra supón unha porcentaxe de execución dos fondos previstos do 77,6% respecto do obxectivo inicial de mobilización de 1.624 millóns de euros ata 2020. A RIS3 está centrada en tres retos: O reto número 1 é a Xestión Innovadora dos recursos naturais e culturais; o número 2, o Novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento; e o reto 3, o Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación.
Iníciase a tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe, unha nova ferramenta para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia. Unha das principais novidades será o seu ámbito de aplicación que abranguerá tamén a zona marítimo-terrestre e as augas interiores. Deste xeito, o regulamento establecerá tres documentos de análise para descartar posibles incidencias: os estudos de impacto de integración paisaxística de proxectos suxeitos a avaliación ambiental; os estudos dos instrumentos de ordenación do territorio e o informe de usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística.
Máis de 150 axentes culturais de Galicia e do resto de España reuniranse do 10 ao 13 de xuño en Santiago de Compostela para participar na sétima edición de Galicia Escena PRO que, como en anos anteriores, tamén abrirá o seu programa de espectáculos ao público xeral. O seu principal obxectivo é servir de escaparate para a compra-venda de producións galegas de teatro e danza, para o que se convida a asistir os responsables da programación de teatros, auditorios e festivais, así como de compañías e empresas distribuidoras. Entre os acreditados este ano, atópanse profesionais chegados de toda Galicia, pero tamén doutros puntos de España.
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo participa nun proxecto europeo de innovación que procura acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario e máis especificamente do lácteo. O CIAM, integrado na Agacal, coordina e dirixe un experimento de innovación centrado na dixitalización de todos os elos da cadea de produción primaria do leite. O obxectivo da iniciativa é implementar melloras en todos os pasos desa cadea, desde a produción de forraxe ata a mestura e manexo do alimento, pasando pola planificación xeral de recursos e por operacións na corte.
O Festival Interceltique de Lorient anunciou en París o programa da súa 49ª edición, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (ano de Galicia). O acto, para o que se contou coa colaboración da Embaixada de España, tivo lugar na sala Pan Piper da capital francesa e incluíu un concerto de Mercedes Peón co seu proxecto 'Déixaas'. Deuse así conta do especial protagonismo que a música galega terá do 1 ao 11 de agosto en Lorient, ata onde viaxarán máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival.
A BFAero é unha iniciativa de innovación aberta que conta coa colaboración de Indra, Babcock, pequenas e medianas empresas do sector, as universidades galegas e entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Fundación CEL, que se encargará da xestión operativa. Enmarcada na aposta de Galicia polo sector aeronáutico e, en concreto, no impulso ao polo aeroespacial da Comunidade, a iniciativa pretende seleccionar, incubar e acelerar novas empresas que acheguen solucións innovadoras a esta industria e, en concreto, á dos vehículos aéreos non tripulados, atraendo e retendo, deste xeito, talento de primeiro nivel a este sector.
Unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento estarse a realizar en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual. Ademais, estes contidos están accesibles desde outras canles como o referido portal Galicia natural e única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións.
Galicia será unha das primeiras comunidades en dispoñer dun censo do solo empresarial, exhaustivo e actualizado, para facilitar a creación de empresas. Co obxectivo de ter mellor información sobre o total de solo empresarial dispoñible no conxunto da Comunidade, será obrigatoria e gratuíta a inscrición no censo de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización e tamén das áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. Deste xeito, a obriga comprende a todas as áreas empresariais independentemente de que sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas.
A Comunidade galega liderou o pasado mes de abril o crecemento do turismo en España. Cun incremento do número de viaxeiros dun 19,5% converteuse na segunda comunidade autónoma, só por detrás de Baleares, co mellor comportamento durante o mes no que se celebrou a Semana Santa. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que tamén revelan que o turismo en Galicia medrou por riba da media española, onde o crecemento foi do 7,6%. En total, os establecementos hoteleiros galegos recibiron en abril máis de 360.000 viaxeiros que realizaron máis de 686.000 noites. O bo comportamento turístico repetiuse nas catro provincias galegas, que rexistraron notables avances na súa demanda turística.
O Produto Interior Bruto de Galicia medrou un 2,3% no primeiro trimestre do ano 2019, o que supuxo a creación de máis de 17.900 postos de traballo asalariados a tempo completo respecto ao mesmo trimestre de 2018, segundo mostran os datos das Contas Económicas Trimestrais publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística. Os datos mostran que, co primeiro trimestre do ano, son 22 os trimestres consecutivos nos que a economía galega encadea taxas positivas de crecemento. Tanto a taxa de crecemento interanual (2,3%) como a taxa trimestral (0,4%) son tres décimas inferiores ás rexistradas no trimestre anterior.
« Anterior | 2  de  7 | Siguiente »

Archivo

2024 (170)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES