Noticias

O novo Regulamento da Lei da Paisaxe xorde co obxectivo de promover o patrimonio paisaxístico de Galicia

Iníciase a tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe, unha nova ferramenta para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia. Unha das principais novidades será o seu ámbito de aplicación que abranguerá tamén a zona marítimo-terrestre e as augas interiores. Deste xeito, o regulamento establecerá tres documentos de análise para descartar posibles incidencias: os estudos de impacto de integración paisaxística de proxectos suxeitos a avaliación ambiental; os estudos dos instrumentos de ordenación do territorio e o informe de usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe, unha nova ferramenta para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que unha das principais novidades deste documento será o seu ámbito de aplicación que, lonxe de restrinxirse ao eido territorial, abranguerá tamén a zona marítimo-terrestre e as augas interiores.

Deste xeito, o regulamento establecerá tres documentos de análise para descartar posibles incidencias: os estudos de impacto de integración paisaxística de proxectos suxeitos a avaliación ambiental; os estudos dos instrumentos de ordenación do territorio e o informe de usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística.

Sobre este punto, Feijóo explicou que, cando se queira facer unha obra ou actuar con intensidade no territorio, pediráselle ao promotor que realice previamente ante o Instituto de Estudos do Territorio unha consulta paisaxística nos procedementos de avaliación de impacto ambiental ordinaria. E, no informe que se emita indicaranse as medidas necesarias para mellorar a integración paisaxística, no caso de ser necesario.

Feijóo explicou que se establecerán medidas preventivas e correctoras para acadar a integración paisaxística daquelas actuacións que teñan especial impacto ou que afecten a áreas de especial protección paisaxística. Algunhas desas medidas serían: a recuperación topográfica de escavacións e a naturalización de noiros; a naturalización de canles abertos de derivación de cursos de auga; a reposición da vexetación afectada; e a integración, conservación, restauración ou traslado –dependendo do caso— de elementos naturais ou culturais.

No que respecta a estudios dos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, ditos instrumentos realizarán un estudo de paisaxe no ámbito ao que se refiran. No caso dos instrumentos de planeamento urbanístico, tamén deberán incorporar un capítulo de estudo da paisaxe para preservar nos municipios as zonas de especial interese paisaxístico e concretar as medidas para evitar impactos paisaxísticos intensos.

En relación aos usos e actividades en solo rústico, cómpre resaltar que o regulamento tamén prevé a emisión dun informe preceptivo do Instituto de Estudos do Territorio para as actividades en solo rústico de especial protección paisaxística. “Isto será así agás para obras menores nas que a normativa sectorial non o esixe expresamente; e para os considerados compatibles do Plan de Ordenación do Litoral”, aclarou o presidente da Xunta.

Por último, o novo regulamento promoverá a integración da paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais. Deste modo, deberán tomar en consideración para a súa elaboración e execución os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas de Galicia e dos diferentes tipos de paisaxes co fin de evitar impactos. A nova normativa tamén recollerá a elaboración de estudos para o seguimento do estado das paisaxes, co fin de reunir datos obxectivos precisos para o deseño das políticas públicas, así como a redacción dun informe elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio cada 4 anos que se remitirá ao Parlamento de Galicia.

R., 2019-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES