Archivo (3 del 2019)

Buscador

Noticias

A extensión da sinatura dixital e a súa integración con Minerva son parte das medidas para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia. En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior. O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. A integración da sinatura dixital co sistema Minerva que empregan xuíces, letrados e funcionarios, e con Fortuny, o sistema dos fiscais, facilita un maior uso da firma electrónica.
As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, creado para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas. Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e incluirá concertos de bandas tanto galegas como de fóra de Galicia, así como de agrupacións infantís. Serán'02 desenvolverase en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra agora mesmo a punto de rematar as súas obras.
O Banco de España vén de confirmar que en 2018 Galicia logrou baixar o seu endebedamento público por segundo ano consecutivo, ao situar a ratio de débeda/PIB no 18,0% ao peche do cuarto trimestre do ano, 6,3 puntos por debaixo da media autonómica. Galicia remata o exercicio 2018 como a terceira comunidade autónoma con menor ratio de débeda de toda España –a quinta incluíndo as de réxime foral-, só por detrás de Madrid e Canarias. Ao finalizar o cuarto trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (18,4%) e tres décimas por debaixo da rexistrada no terceiro trimestre.
Presentáronse en Tui os contidos da sección galega así como toda a programación que compón a nova edición do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebrará do 3 ao 7 de abril na cidade fronteiriza. O certame chega a súa décimo quinta edición convertido nun referente a nivel internacional. Primeiras retrospectivas en España, estreas e cineastas de culto que conforman unha das edicións máis ambiciosas do festival galego. O certame contará con lendas do cinema como o norteamericano Bruce Weber, ou o pai do cinema filipino, Kidlat Tahimik, unha sección oficial chea de estreas españolas, así como un gran número de actividades paralelas.
Reuniuse o comité de xestión do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, que financia proxectos de catro eixes prioritarios que se dirixen ao impulso da innovación, ao fomento da competitividade empresarial, á prevención de riscos e á mellora da xestión dos recursos naturais, á mellora da capacidade institucional e á eficiencia da administración pública. Galicia segue sendo a rexión más activa xa que participa no 37,5% das candidaturas presentadas: das 285 candidaturas admitidas, en 107 había socios galegos. En total, aprobáronse 97 candidaturas ao longo de toda a fronteira hispano portuguesa, cun investimento total de 112,2 millóns de euros.
Esta medida activarase cunha chamada ao teléfono de información ás mulleres: 900 400 273, que pode ser realizada -24 horas, 365 días ao ano- pola propia vítima ou polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Desde este teléfono poñeranse en contacto coa persoa da quenda de garda correspondente para garantir a presenza inmediata dun psicólogo ou psicóloga. No eido da asistencia e protección ás vítimas, aparecen novas medidas como o apoio aos menores orfos e ás vítimas gravemente feridas ou a inclusión de traballadores sociais nas Oficinas de Atención a Vítimas nos xulgados.
Ferrol contará antes do verán cunha unidade de diagnóstico e asesoramento das patoloxías derivadas da exposición ao asbesto de referencia para todos os pacientes que teñen cobertura do Sergas. Case a práctica totalidade dos casos destas patoloxías concéntrase na área sanitaria ferrolá. Nesta nova unidade vaise contratar un neumólogo, un profesional de enfermería e un auxiliar de enfermería, ademais dun auxiliar administrativo. Os obxectivos estratéxicos que persegue esta unidade son a ampliación da carteira de servizos, conseguir unha óptima coordinación asistencial con atención primaria, garantir a seguridade das intervencións ou fomentar a investigación clínica de alto nivel.
Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Técnicas e Gramaxe, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco. Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.
En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea. Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor. Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”.
Do tempo e dos astros reedita dous traballos de corte etnográfico de Antonio Fraguas: O culto aos mortos, conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo en maio de 1931 e publicada por primeira vez ese mesmo ano, e Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular, que vira a luz en 1975, no tomo V do Boletín Auriense. Dous textos que eran ata o momento difíciles de consultar e que esta publicación da Biblioteca Antonio Fraguas da Editorial Galaxia lle achega ao público no ano en que se lle dedican as Letras Galegas ao seu autor. É unha mostra do papel de don Antonio Fraguas como estudoso e divulgador da cultura popular, no seu afán por axudarnos aos galegos a recoñecernos nela para comprendérmonos e querérmonos a nós mesmos.
« Anterior | 1  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (177)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES