
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asistiu este xoves en Madrid á reunión do comité de xestión do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. Este programa financia proxectos de catro eixes prioritarios que se dirixen ao impulso da innovación, ao fomento da competitividade empresarial, á prevención de riscos e á mellora da xestión dos recursos naturais, á mellora da capacidade institucional e á eficiencia da administración pública.
Galicia segue sendo a rexión más activa xa que participa no 37,5% das candidaturas presentadas: das 285 candidaturas admitidas, en 107 había socios galegos. En total, aprobáronse 97 candidaturas ao longo de toda a fronteira hispano portuguesa, cun investimento total de 112,2 millóns de euros. Os 35 proxectos aprobados que contan con socios galegos representan un investimento de 41,12 millóns de euros, en concreto 27,78 millóns en proxectos de Galicia co Norte de Portugal e 13,34 millóns en proxectos de Galicia con outras rexións da fronteira.
A Xunta de Galicia participa directamente como socio en 17 dos proxectos concedidos, que suman un investimento total de 21,74 millóns de euros. Entre os proxectos con socios galegos, abórdanse cuestións tales como a creación dunha rede de emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital, a implantación de solucións tecnolóxicas punteiras que respondan aos desafíos da Industria 4.0 na automoción ou o impulso da actividade no entorno dos portos de Eurorrexión. Tamén se falou de impulsar o aproveitamento sostible do Camiño de Santiago como recurso patrimonial cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades turísticas e económicas, e de dar continuidade ao programa de mobilidade Iacobus que xa tivo o apoio da primeira convocatoria do Poctep.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.