Archivo (12 del 2019)

Buscador

Noticias

A Xunta de Galicia ten como un dos seus principais obxectivos estratéxicos o correcto saneamento e abastecemento de auga na nosa comunidade, sen perder de vista en ningún momento a normativa europea na materia. Deste xeito, o goberno autonómico leva investidos nos últimos dez anos más de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas, que se traducen en 350 actuacións en 165 concellos, que reciben deste xeito apoio nas súas competencias de xestión do ciclo da auga. Nos últimos 30 anos, o número de depuradoras activas pasou de 5 (o resto das augas vertíanse directamente ou tras un pretratamento) ata as 148 que están operativas na actualidade.
A lei contempla 4 figuras de ordenación diferenciando entre: as directrices de ordenación do territorio; os plans territoriais integrados e especiais; os plans sectoriais; e os proxectos de interese autonómico, unha figura que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Establécese así un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio. E outra das novidades é que o documento achega maior seguridade á figura de plan sectorial -o instrumento que ordena e regula a implantación de actividades sectoriais no territorio-, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.
A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.
A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
Celebrouse hoxe unha Xuntanza de Dinamizadores CeMIT baixo o lema “Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, destinada aos axentes TIC da Rede de Aulas CeMIT de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de expoñer os seus proxectos e intercambiar ideas. Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades. Cabe destacar o incremento no acceso a internet entre os maiores de 55 a 64 anos, que creceu 15 puntos, só no último ano.
Galicia pechou novembro de 2019 con 4710 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -2,76% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en novembro de 2008 había 180.820 parados fronte aos 165.659 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en algo máis dun punto á media estatal, situándose como a quinta Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de novembro, que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos.
O informe PISA 2018 -que se fixo público hoxe- consolida e reforza a tendencia de mellora continua do alumnado galego tanto en competencia científica como en competencia matemática, situando a Galicia por riba da media de España, da UE e dos países da OCDE. Ademais, este informe -que analiza o grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos-, reflicte tamén que Galicia mellora a súa posición no ránking de comunidades autónomas con respecto ao informe anterior de 2015. Así, en competencia matemática Galicia obtén 498 puntos, 17 máis que a media de España (481) e 9 máis que a media da OCDE (489), e sube 4 puntos en comparación co ano 2015 (cando obtivo un máximo histórico de 494 puntos).
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
Ponse en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos. É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Este proxecto –que será compartido co sector para o seu uso profesional– permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.
« Anterior | 5  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (280)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES