Noticias

A nova Lei de Ordenación do Territorio culminará o proceso de regulación urbanística de Galicia

A lei contempla 4 figuras de ordenación diferenciando entre: as directrices de ordenación do territorio; os plans territoriais integrados e especiais; os plans sectoriais; e os proxectos de interese autonómico, unha figura que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Establécese así un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio. E outra das novidades é que o documento achega maior seguridade á figura de plan sectorial -o instrumento que ordena e regula a implantación de actividades sectoriais no territorio-, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio que actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística para evitar posibles desequilibrios e mellorar a coordinación e planificación integral do territorio en termos de igualdade. “Culminamos así toda a ordenación urbanística de Galicia”, salientou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo aseverou que esta actualización baséase nos principios de coordinación, cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación. “Con este texto, seguimos a liña iniciada coa redacción da Lei do Solo”, dixo, subliñando que se trata de “acadar os obxectivos sinalados pola Estratexia Europea de Ordenación do Territorio e de solucionar as novas necesidades que durante estes 25 anos fomos detectando”, tendo en conta que a norma vixente é de 1995.

Así mesmo, explicou que se establece un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio. E outra das novidades, engadiu, é que o documento achega maior seguridade á figura de plan sectorial -o instrumento que ordena e regula a implantación de actividades sectoriais no territorio-, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.

En definitiva, a lei contempla 4 figuras de ordenación diferenciando entre: as directrices de ordenación do territorio; os plans territoriais integrados e especiais; os plans sectoriais; e os proxectos de interese autonómico, unha figura que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

“Estes serían os catro instrumentos que temos á nosa disposición para ordenar o territorio de forma igualitaria e coherente nos 313 concellos galegos”, abundou, e sobresaíu que isto é “unha garantía para o investimento, para o crecemento ordenado, para un urbanismo con principios e para que todo o mundo saiba exactamente que se pode facer”.

A nova lei, concluíu Feijóo, reforza unha serie de obxectivos para mellorar a calidade de vida dos habitantes como: procurar un desenvolvemento equilibrado de toda a Comunidade, garantir a accesibilidade de toda a poboación ás infraestruturas e servizos, mellorar a relación do medio urbano e o rural, e potenciar o desenvolvemento económico sustentable.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que, en liñas xerais, a nova Lei pretende ser unha normativa máis simple, útil, eficiente e práctica que a norma vixente. Nese sentido, apostouse por unha simplificación administrativa, tanto do número de figuras coma no procedemento da súa tramitación.

Ao igual que se fixo na Lei do solo, e co ánimo de acadar una simplificación administrativa, intégrase o procedemento ambiental e a tramitación do instrumento de ordenación, evitando ter que acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable.

Defendeu o traballo do Goberno galego a prol do territorio e da súa ordenación, que hoxe suma un novo instrumento en forma de norma de carácter supramunicipal, co que garantir esa mesma igualdade de oportunidades a nivel da Comunidade, co fin de corrixir os posibles desequilibrios resultantes da variedade que presenta o territorio de Galicia. Ángeles Vázquez concluíu que a nova Lei de Ordenación do Territorio é a última peza da ordenación territorial de toda Galicia, polo que o Goberno galego culminou o proceso de regulación urbanística e agora éntrase nun chanzo superior, que é a supramunicipalidade.

R., 2019-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES