Noticias

A candidatura da Ribeira Sacra a reserva da biosfera supera o último trámite antes da súa remisión ao Comité Español da Unesco

A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.

A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu hoxe un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou esta mañá na sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.

Tras recibir o visto bo do Comité, a Xunta está xa en disposición de presentar o documento técnico que avala a candidatura ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será a encargada de continuar coa súa tramitación. Deste xeito, cómprese co calendario previsto xa que o pasado 24 de setembro, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladoulle aos membros do Comité español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo, que antes de que rematara o ano se presentaría oficialmente a candidatura da Ribeira Sacra.

Para a Xunta, tal e como subliñou a conselleira, trátase dunha proposta seria e rigorosa, que vén avalada por un gran consenso por parte dos distintos axentes implicados e que aglutina a un total de 23 concellos de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais.

Así, incidiu en que o territorio conformado pola Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.

“Unha reserva da biosfera é o mellor exemplo de compatibilizar o desenvolvemento sostible, un territorio no que a protección da natureza é acorde co seu desenvolvemento económico”, resaltou Vázquez, que precisamente por isto fixo fincapé en que esta declaración non implicará prohibicións ou limitacións senón, pola contra, suporá unha extraordinaria oportunidade para todos os concellos que a integran e, por suposto, para os seus habitantes.

Por iso, a conselleira subliñou a importancia de lograr que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan a curto prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia, de tal xeito que o 42% da superficie da comunidade quedaría amparada e salvagardada baixo algunha figura de protección.

Co fin de concretar as actuacións a desenvolver nesta zona cando obteña a súa declaración como reserva da biosfera –previsiblemente e se se compren os prazos previstos, no ano 2021-, Ángeles Vázquez explicou que a candidatura incorpora o seu propio Plan de Xestión, cun investimento previsto en 10 anos de 4,5 millóns de euros; e se enmarca á vez dentro do Plan de Acción Estratéxico de Ribeira Sacra, que foi informado favorablemente polo Consello da Xunta hai case tres meses, contempla un paquete de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico e un orzamento total de 3,5 millóns de euros.

Tramitación

Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto a Xunta fixo en Pantón a presentación oficial da candidatura coa que o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional, xestionado e concedido pola Unesco. O documento que avala a candidatura foi sometido a información pública durante un mes, período no cal as persoas e entidades interesadas puideron facer as súas achegas ao texto orixinal.

Finalmente e tras concluír os informes derivados deste proceso, o documento técnico definitivo presentouse esta mañá ante os membros do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, un trámite co que se dá “un gran paso para o noso patrimonio natural”, como dixo a conselleira.

Nesta liña, lembrou que esta candidatura foi froito de máis de dous anos de traballo durante os que a Xunta mantivo un diálogo constante con todos os axentes implicados e con intereses na declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera, entre os que mencionou concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos, que tiveron ocasión desde o principio de participar activamente e facer as súas contribucións á proposta.

Seis reservas da biosfera en Galicia

Galicia conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da Ribeira Sacra, a extensión protexida en Galicia baixo a figura de reserva da biosfera se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Concretamente, cómpre precisar que a zona proposta para a declaración aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Camiño do triplo recoñecemento internacional

Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

Neste sentido, se a candidatura da Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos polos responsables da Unesco para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.

Así, cómpre lembrar que o pasado abril as Montañas do Courel obtiveron a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial por parte da Unesco.

R., 2019-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES