Archivo (10 del 2019)

Buscador

Noticias

Durante os nove primeiros meses do ano Galicia recibiu máis de 4,1 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9 millóns de pernoitas, o que supón a cifra máis elevada da serie histórica. Así se desprende dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que amosan incrementos na nosa Comunidade moi superiores aos acadados a nivel estatal. En concreto, mentres a demanda sube en toda España un 0,9%, en Galicia medra un 6,5%, 5,6 puntos máis.
O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal. A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia, e que por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces.
Celebrouse hoxe unha reunión entre a Xunta de Galicia, os concellos de Cervo e Xove e mais o comité de empresa de Alcoa San Cibrao para avaliar a situación que atravesa a planta. Tanto o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, como os traballadores reiteraron a petición, que a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central en anteriores ocasións, de convocar a mesa da industria electrointensiva -incorporando aos empregados da planta de San Cibrao- e de presentar o estatuto para o consumidor electrointensivo e, deste xeito, desbloquear a difícil situación da factoría da Mariña ao rebaixar o prezo eléctrico.
A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza esta fin de semana en Santiago a décimo terceira edición do seu Certame Galego de Bandas de Música Populares, que será a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, e que os vindeiros días 2 e 3 de novembro congregará no Auditorio de Galicia a 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León. O Certame Galego de Bandas será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, e nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal.
A Cidade da Cultura explorará con expertos internacionais como acadar arquitecturas saudables para a infancia en espazos públicos como as escolas, as súas contornas e mesmo nas cidades. Será este venres e sábado no V Playgrounds. Encontro Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Xuventude, no que 170 profesionais e estudantes desta disciplina e de Educación infantil e primaria afondarán nestas cuestións, a través da súa participación en nove charlas e en 20 obradoiros prácticos. Esta mostra do Museo Centro Gaiás para xogar coa arquitectura está dirixida a familias, cativada e alumnado de centros escolares.
No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago. Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
Os resultados das exportacións das empresas galegas nos primeiros oito meses do ano reflicten o esforzo que o tecido produtivo está a realizar para consolidar a súa proxección nos mercados internacionais, cun volume total de vendas ao exterior que acadou os 14.041 millóns de euros, a segunda mellor cifra para este período dos últimos anos, segundo a información que ofrece o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior roldaría os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia. Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual.
Ábrese a convocatoria do programa Iacobus-Estadías de investigación e do Iacobus Publicacións Científicas (Papers), impulsados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. O prazo estará aberto ata o próximo 29 de novembro no primeiro caso; e ata o 9 de decembro no segundo. O Iacobus-Estadías de Investigación, que xa vai pola súa sétima edición, é un programa de gran éxito no mundo universitario da Eurorrexión. Suma máis de 1.400 candidatos nas edicións anteriores, entre os que foron seleccionados 798 proxectos de investigación en múltiples áreas de coñecemento.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua galega e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, recibe dotación para a súa execución durante o curso seguinte co apoio do Museo do Pobo Galego. O desenvolvemento do proxecto culmina cunha exposición semellante ás dúas inauguradas hoxe.
« Anterior | 1  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (164)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES