Noticias

O V Encontro Playgrounds explorará no Gaiás con expertos internacionais como acadar arquitecturas saudables para a infancia

A Cidade da Cultura explorará con expertos internacionais como acadar arquitecturas saudables para a infancia en espazos públicos como as escolas, as súas contornas e mesmo nas cidades. Será este venres e sábado no V Playgrounds. Encontro Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Xuventude, no que 170 profesionais e estudantes desta disciplina e de Educación infantil e primaria afondarán nestas cuestións, a través da súa participación en nove charlas e en 20 obradoiros prácticos. Esta mostra do Museo Centro Gaiás para xogar coa arquitectura está dirixida a familias, cativada e alumnado de centros escolares.

Organizado por Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Asociación Ludantia, conta coa colaboración da Cidade da Cultura, xa que está vencellado á exposición Argallar, que leva preto de 10.000 visitas desde a súa inauguración o pasado 13 de setembro.
O V Encontro Playgrounds está dirixido a docentes de Educación infantil e primaria e tamén a estudantes e profesionais da educación na arquitectura. Neste foro abordarase ¬–desde o ámbito teórico e desde talleres con casos prácticos– catro grandes áreas temáticas: arte, espazo público e participación; transformación de espazos; xoguetes e dispositivos lúdicos, e arquitectura na educación.

Expertos internacionais como Heike Freire ou Antonio Capelao

Entre as e os nove relatores internacionais que participarán neste encontro atópase Heike Freire, docente, asesora e relatora internacional, especializada na chamada pedagoxía verde, na que se incide na importancia de espazos en contacto coa natureza nas aulas, nas cidades e nos espazos públicos.

Neste senso, Heike Freire alerta que estas carencias inciden negativamente na necesaria liberación da excitación mental e física que precisa a cativada, e máis nos casos de hiperactividade ou déficit de atención. Ademais, esta experta é autora de obras emblemáticas nas que afonda e propón actuacións para intentar resolver estes problemas como en ¡Estate quieto y atiende!: Ambientes más saludables para prevenir los trastornos infantiles e en Patios vivos para renaturalizar la escuela.

Nas conferencias tamén se poderá coñecer de primeira man os proxectos de construción de escolas de Antonio Capelao en Londres e no Nepal. Este arquitecto nado en Portugal, pero que desenvolve a súa actividade laboral no Reino Unido, está especializado en edificacións sustentables e respectuosas co medio ambiente. Na actualidade, está inmerso nun programa de doutoramento que ten como referencia o modelo finlandés de ensinanza e é un férreo defensor de implantar a disciplina da arquitectura como parte dos estudos de arte no currículo da escola primaria no Reino Unido.

20 obradoiros

Os e as participantes contarán nestes dous días de encontro con 20 obradoiros –dez por xornada– onde levarán a cabo casos prácticos da man de profesionais especializados en arquitectura na educación. O obxecto é situalos ante hipotéticas situacións reais para que se enfronten a elas e as resolvan. Entre elas, estará amoblar unha aula escolar para acadar un espazo de benestar e que estimule a aprendizaxe; estratexias para a introdución do pensamento arquitectónico dentro da clase, no horario escolar e como parte do currículo; ou mellorar o patio dun centro desde unha participación comunitaria e tendo en conta as propostas do alumnado.

A través de exercicios prácticos, os obradoiros tamén procurarán facerlles ver e entender aos docentes e tamén aos estudantes e aos profesionais da arquitectura participantes a importancia da súa implicación en moitas mellores de habitabilidade e de benestar no eido da ensinanza.

Neste ámbito, hai varios obradoiros nos que se abordará a repercusión que ten no ensino a localización urbanística dun colexio; como inflúen no alumnado –no seu benestar e na súa aprendizaxe– as contornas urbanas próximas ao seu centro; e como poden, desde as súas respectivas disciplinas, intervir para mellorar isto.

R., 2019-10-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES