Buscador
Noticias
Con toda as prazas cubertas e mesmo con lista de agarda para futuras edicións, o vindeiro venres a High Tech Auto da Zona Franca de Vigo acollerá unha iniciativa pioneira para achegar a innovación e a tecnoloxía ás persoas con discapacidade intelectual, un curso especializado no sector da automoción impulsado pola UVigo, a empresa Kidcode, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Fundación Adecco.
A UDC celebra, entre o 9 de abril e o 14 de maio, a 30ª edición do seu Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (FITEUC), unha cita consolidada no panorama cultural universitario que converterá, un ano máis, os espazos escénicos da cidade da Coruña nun punto de encontro para compañías universitarias de teatro e danza. O Teatro Rosalía, o Centro Ágora e o Fórum Metropolitano serán os espazos escollidos nos que se desenvolverá a programación.
Profesionais da xestión forestal e da prevención e extinción de incendios, representantes da industria e investigadores e investigadoras reúnense nestes días na Semana Forestal 2025, un programa de actividades deseñado polo alumnado co obxectivo de promover un diálogo sobre o presente e o futuro do sector, como sinalan desde a organización.
Escrita por Quevedo desde o seu retiro en Villanueva de los Infantes o 20 de agosto de 1633, a obra dedícalla a don Fadrique de Toledo, un destacado militar que sufría a inimizade do conde-duque de Olivares, a quen critica duramente desde unha perspectiva neoestoica influída por Séneca. A copia manuscrita desta obra atópase na sede parisiense dos Archives nationales de France.
A procura de alternativas máis sostibles e accesibles aos paneis solares tradicionais, baseados en silicio cristalino, impulsou o desenvolvemento de células solares orgánicas. A diferenza das anteriores, estas empregan materiais baseados en carbono para captar a luz e xerar electricidade. A súa fabricación promete ser máis económica e con menor impacto ambiental, pero lograr unha produción eficiente a grande escala segue sendo un reto.
A 23 edición do Encontro Universitario de Danza (EUD) xuntará os días 8 e 9 de abril no Teatro Principal os mellores traballos das compañías das tres universidades públicas galegas. Á Compañía de Danza da USC, nada ao abeiro do Espazo de Danza baixo a dirección de Juan Carlos Zahera, únese a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Aula de Danza da Universidade de Coruña. A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións.
A Cidade das TIC acolleu hoxe a constitución do Consello de Administración da súa sociedade xestora, conformada pola UDC e o Concello da Coruña. Con esta formalización dáse un paso máis no impulso a este órgano encargado de promover e dinamizar o proxecto da Cidade das TIC. Este Consello está integrado inicialmente por sete persoas (catro por parte do Concello e tres por parte da Universidade), con opción de ampliarse ata un máximo de 12.
A Deputación da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, vén de editar un libro dedicado á figura de Isaac Díaz Pardo, unha das personalidades máis destacadas da cultura galega do século XX. A publicación coincide coa conmemoración do Día das Artes Galegas 2025, que este ano está dedicado ao artista, intelectual e empresario. Díaz Pardo, que foi bolseiro da Deputación da Coruña nos seus anos de formación, destacou ao longo da súa traxectoria pola súa contribución á recuperación e modernización das artes plásticas e a industria cultural en Galicia.