
O catedrático de Literatura Española da USC Antonio Azaustre Galiana e o profesor da Universidade de Huelva José Manuel Rico García son os autores e editores do volume Desconsuelos de los dichosos para que reconozcan los peligros de serlo y sepan prevenirlos, que ofrece un texto inédito de Francisco de Quevedo.
Escrita por Quevedo desde o seu retiro en Villanueva de los Infantes o 20 de agosto de 1633, a obra dedícalla a don Fadrique de Toledo, un destacado militar que sufría a inimizade do conde-duque de Olivares, a quen critica duramente desde unha perspectiva neoestoica influída por Séneca. A copia manuscrita desta obra atópase na sede parisiense dos Archives nationales de France, onde se custodia tras ter sido levada ao Ministerio de Asuntos Exteriores a mediados do XVIII.
A obra estrutúrase como un diálogo entre o Sentido e a Razón e nela advirte dos perigos da soberbia e a caída inevitable dos poderosos que ignoran a omnipotencia de Deus. Desconsuelos de los dichosos ten unha gran transcendencia política, e confirma o enfrontamento aberto entre Quevedo e Olivares, que xa existía polo menos desde a recepción de Política de Dios (en torno a 1626) e os seus memoriais en favor do padroado de Santiago (1628) e que, en decembro de 1639, daría con escritor no cárcere de San Marcos de León, explican Azaustre e Rico.
A edición do volume, publicado na Biblioteca Áurea Hispánica de Vervuert, ábrese cun estudo introdutorio no que se describe o manuscrito, demóstrase a autoría de Quevedo e analízanse os contidos e as múltiples concordancias con outros escritos seus, así como a estrutura, a argumentación e o estilo. A edición do texto vai acompañada dun completo aparato de notas que aclaran as posibles dificultades de lectura.
Antonio Azaustre Galiana é catedrático de Literatura Española na Universidade de Santiago de Compostela. Das súas publicacións destacan o Manual de retórica española (1997), en coautoría con Juan Casas, a edición das obras crítico-literarias e burlescas de Quevedo (2003 y 2007), e a recente edición (2020), xunto a José Manuel Rico, dun memorial inédito deste autor. Tamén estudou e editou o primeiro comentario á Soledad primera de Góngora (Silva a las Soledades), escrito por Manuel Ponce (2021). Pola súa banda, o labor investigador de José Manuel Rico García estivo dedicado principalmente ao estudo da poesía áurea e da polémica gongorina.
A USC e Quevedo
A USC estivo presente na recuperación das tres últimas obras inéditas de Quevedo. As dúas anteriores foron en 1993, cando Fernando Cabo Aseguinolaza e Santiago Fernández Mosquera editaron Execración contra los judíos, o memorial onde Quevedo se enfrontaba a Olivares por negociar préstamos cos xudeus portugueses, e en 2020, ano no que Antonio Azaustre Galiana e José Manuel Rico García publicaron outro memorial inédito de Quevedo, onde se dirixía á Inquisición en relación co conflito que suscitaron as reliquias atopadas no Sacromonte de Granada.
Nesta traxectoria cabe destacar a importancia do Grupo Calderón, Grupo de Investigación de Referencia Competitiva da USC ao que pertencen os profesores Fernández Mosquera (responsable), Azaustre Galiana e Rico García. O achado e edición de Desconsuelos de los dichosos únese agora a esta traxectoria da USC fundamental nos estudos sobre Francisco de Quevedo.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.