Buscador
Noticias
A través dunha serie de pezas, que van máis aló da paisaxe para reflectir 'sentimentos e sensacións', sete artistas emerxentes desenvolven o seu 'concepto de mar, un mar libre e subxectivo que busca romper cos convencionalismos'. Deste xeito presentan os estudantes da Facultade de Belas Artes Fabiola Quintela e Héctor Pousa Un mar de sensaciones, a exposición que ao longo deste mes de xaneiro pode visitarse no estudio A Balea, de Moaña, e que comisarían como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional.
O proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea, que se centra en cartografíar a Vía Láctea, entra nunha nova fase logo que a ESA confirmase hoxe mércores a finalización das observacións científicas da nave espacial Gaia, lanzada o 19 de decembro de 2013. Dende entón e ata a actualidade, a sonda Gaia acumulou máis de 3 billóns de observacións duns 2000 millóns de estrelas e outros obxectos, construíndo o mapa máis grande e preciso da Vía Láctea.
A implantación clínica da impresión 3D para a preparación de medicamentos personalizados nunha contorna clínica é o eixo sobre o que se asenta o estudo desenvolvido pola investigadora da USC Lucía Rodríguez Pombo. En concreto, o traballo aborda a tecnoloxía de extrusión de semisólidos que permite a preparación de formas farmacéuticas mastigables de forma sinxela e rápida, así como o desenvolvemento dunha nova técnica de impresión 3D de fotopolimerización en cubeta, a impresión volumétrica.
Un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) acaba de facerse co terceiro posto na competición internacional IEEE FLAME Technical Challenge 2024. Este certame, promovido e organizado pola prestixiosa sociedade científica IEEE Computational Intelligence Society, busca ideas innovadoras que exploren novas estratexias para combinar modelos de linguaxe de gran tamaño (como os utilizados en ferramentas de IA xerativa ou LLMs, polas súas siglas en inglés) con técnicas avanzadas de intelixencia computacional.
Os Premios Egeria levan dende 2014 apoiando a inclusión da perspectiva de xénero e/ou feminista nos traballos fin de grao, fin de mestrado e teses de doutoramento na Universidade de Vigo. A última edición, correspondente ao curso 2023/2024, recoñeceu os traballos de oito mozas investigadoras, entre elas Andrea Mouriño, Laura Otero e Xoana Abraira, que obtiveron as mellores puntuacións en cada unha das tres categorías, e que debullan no Duvi os seus traballos e as súas sensacións tras saberse gañadoras.
Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías organiza en Santiago a Masterclass Internacional de física de partículas que conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Será o martes 11 de febreiro na Facultade de Matemáticas da USC cando alumnas de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN.
Os investigadores do grupo de Enxeñaría Supramolecular (SUPREN) do CICA, Iago Neira, Marcos García e Carlos Peinador, participaron nun estudo liderado polo profesor Alberto Credi, da Universidade de Bolonia (Italia), que acaba de ser publicado na revista científica Chem. Este proxecto é o resultado dunha colaboración entre os Departamentos de Química Industrial Toso Montanari, Química Ciamician e Ciencia e Tecnoloxía Agraria e dos Alimentos de Alma Mater, A Universidade da Coruña e o Instituto Isof-Cnr en Bolonia.
O Proxecto Nós, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e desde 2023 financiado a través de fondos PERTE-Next Generation, está a levar a cabo unha recollida de datos de voz en galego a través da plataforma Common Voice e as persoas responsables queren facer un chamamento ao estudantado para que contribúa co proxecto a cambio de créditos optativos.
Foi a inquedanza do alumnado do grao e do mestrado de Enxeñaría Biomédica o que puxo a rodar a idea e, co apoio da Escola de Enxeñería Industrial, o Sergas e o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud, as I Jornadas de Ingeniería Biomédica son xa unha realidade. Esta cita coa innovación e a tecnoloxía ao servizo da saúde será entre o 10 e o 14 de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial, coincidindo coa celebración das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial.
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo acaba de publicar un novo número, e xa van 9, da revista Cumieira, unha publicación que naceu para dar a coñecer os traballos científicos das investigadoras e investigadores máis novos no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Neste último número recóllense catro investigación nas que se analizan diferentes cuestións, así como unha recensión sobre a novela histórica Ao sur da liberdade, ópera prima no mundo da prosa de ficción histórica do catedrático da UVigo Xosé-Henrique Costas.