
Foi a propia importancia que ten o mar para esta localidade a que serviu como punto de partida para unha mostra que definen como unha homenaxe aos nosos océanos e na que reúnen as pinturas, gravados e pezas cerámicas de sete artistas, boa parte delas estudantes da facultade.
Ese é o caso de María R. Hervás, que presenta un lenzo que polos seus trazos e vivas cores, recorda desde a abstración un fondo de corais mariños, como salientan os comisarios dunha mostra na que a tamén estudante da facultade Jimena Rodríguez presenta unha impresión dixital que lembra a calidade reflectante do mar polas súas texturas acuosas e gama cromática. Combinando pintura e téxtil, a obra de Isis Huerga, unha reflexión visual sobre recordos, persoas e lugares que xa non existen, achega a mostra ás conexións dos o océanos coa da travesía, mentres que Lucía Riveiro percorre os lugares que habitaron os seus familiares a través dunha serie de gravados de paisaxes marítimas. A tamén comisaria da exposición Fabiola Quintela suma á exposición outro gravado, o dunha paisaxe descoñecida que convídanos a mirar máis aló do evidente, mentres que Lara Brañas conecta nos seus cadros auga e emocións e Paula Gil exhibe un conxunto de pezas cerámicas con motivos propios dos fondos mariños.
Un mar de sensaciones pode visitarse os luns de 19.00 a 21.00 horas; os martes de 10.00 a 12.00 e de 19.00 a 21.00 horas e os mércores de 18.30 a 21.00 horas. Así mesmo, este sábado 18 permanecerá aberta de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, mentres que o sábado 25 poderá visitarse de 16.00 a 20.00 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.