
Co profesor Xosé A. Fernández Salgado como editor, a publicación arranca cun traballo asinado por Fabio Rivas, graduado en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, no que se analiza o léxico dispoñible do campo da sanidade no alumnado da UVigo no tempo que seguiu á pandemia da COVID e no que se pon de relevo como palabras como vacina ou máscara pasaron a formar parte do vocabulario habitual.
Actitudes lingüísticas profundamente castelanizadas en Redondela
Ségueo o estudo de Miguel Rancaño, graduado en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela , sobre as actitudes e opinións lingüísticas dun grupo de estudantes redondeláns de ensino medio do IES Mendiño a partir de aspectos como a transmisión, os prexuízos e os cambios de código. Trátase dun artigo no que, entre outras moitas cuestións, se advirte que o grupo se atopa profundamente castelanizado e a transmisión xeracional da lingua foi devastadora para o galego, relegado a segunda lingua de uso ocasional. Con todo, comprobamos que o grupo está exento de prexuízos explícitos para o galego e que a actitude xeral é de respecto e pretensión de mellorar a situación da lingua, se ben para este estudantado a escolla do idioma é unha decisión de tipo individual baseada máis na súa liberdade ca na influencia de factores externos.
Revisita ao 25 de abril e ás Novas Cartas Portuguesas
Graduado en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Manuel Gago aproveita o cincuentenario do 25 de abril para revisitar, nun marco feminista, a obra das coñecidas como As Três Marías: Novas Cartas Portuguesas, unha das máis emblemáticas da literatura de Portugal. Desde a súa publicación, destacouse como unha obra transgresora, tanto pola linguaxe canto polo estilo, debido ao formato intertextual eclético, concibido para subverter estereotipos.
Boa saúde da crítica literaria feminista en Galicia
No caso de Helena Domínguez, doutora en Comunicación e Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios pola de Vigo, aborda o estado da cuestión sobre a crítica literaria feminista en Galicia a través da revisión de bibliografía e artigos de prensa, chegando á conclusión de que goza de boa saúde pero non é mainstream, resiste en espazos de curto alcance.
Recensión sobre a novela histórica Ao sur da liberdade
Este noveno número de Cumieira péchase cun comentario de Alejandro Solla, Premio Extraordinario Fin de Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, sobre Ao sur da liberdade, ante todo, unha novela necesaria nas nosas letras e na nosa memoria que nos retrotrae a un pasado inexplorado até agora na literatura galega, a Alta Idade Media.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.