Buscador
Noticias
A Xunta colabora coas farmacias galegas coa posta en marcha da campaña Mascarilla-19 para as vítimas da violencia de xénero, pola cal unha muller pode solicitar axuda cando acuda a unha das 1.345 farmacias que se atopan en Galicia. O obxectivo é darlle ás posibles vítimas da violencia de xénero unha canle máis de saída a situacións violentas no fogar agravadas pola etapa de encerro, na que a muller e membros da familia conviven máis estreitamente co seu agresor e non teñen outra forma de pedir axuda.
Flexibilidade para adaptarse á situación especial do estudantado e garantía de que a totalidade do alumnado poda participar nas probas programadas en condicións axeitadas, son dúas das premisas sobre as que se asenta o modelo de avaliación aprobado polo Consello de Goberno da USC para o presente ano académico. Nesta liña, sempre que resulte posible, a avaliación realizarase a través de procedementos non presenciais baseados na avaliación continua que non esixan a realización de exames ou probas finais.
Un cento de empresas galegas ofrece material de protección fronte ao coronavirus no Marketplace, plataforma online que se enmarca dentro do Comité de fabricación impulsado pola Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos. Por outra banda, a Administración autonómica realiza hoxe o reparto do segundo envío de máscaras a pemes e autónomos para chegar así aos dous millóns repartidos, en colaboración con preto de 50 asociacións empresariais, clústers e outras entidades.
As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ata o vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na súa comparecencia hoxe ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación de estado de alarma motivada pola pandemia do COVID-19.
O Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta (DigiTalent) suma unha nova iniciativa ao seu catálogo de actuacións, coa incorporación da edición especial de Campus Dual, unha iniciativa impulsada polo Clúster TIC Galicia, asinante do Pacto Dixital e adherido ao Plan, que ofrece capacitación no ámbito tecnolóxico. Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de 9 alumnos e equipos de 3. O prazo de inscrición termina este xoves e o curso comezará o luns, 27 de abril.
A Universidade de Santiago de Compostela analiza os hábitos lúdicos das familias durante o confinamento derivado do estado de alarma decretado por mor do coronavirus e afonda no estudo e no coñecemento do xogo infantil nos fogares a través da enquisa en liña Hábitos lúdicos nas familias con fillas/fillos en tempo de confinamento (COVID-19). Este estudo en liña permaencerá accesible na web ata o vindeiro 27 de abril, cando está previsto que os máis pequenos poidan saír das súas casas.
O programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM anuncia os seis proxectos de artes do movemento seleccionados para impulsar os seus procesos creativos no marco da cuarta edición. A Agadic contribúe economicamente e facilita as instalacións e o equipo técnico do Salón Teatro de Santiago de Compostela, que será un dos sete espazos receptores das estadías artísticas deste ano, cunha duración de entre dúas e tres semanas segundo os casos.
Os axentes ambientais e bombeiros do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia levan realizadas máis de 2.200 desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados, cando se cumpren catro semanas da súa colaboración para previr o contaxio do coronavirus. O persoal do Spdcif entregou ademais 170 alfombras e 300 sprays desinfectantes para reforzar a protección de centros de saúde e residencias.
A superficie de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal acadou no ano 2019 as 262.175,96 hectáreas en Galicia, case un 8% máis ca no exercicio anterior. Así se desprende dos datos que manexa a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e que se poden consultar no Anuario de Estatística Forestal de Galicia. É salientable o incremento do 27,26% na superficie de monte que foi inscrita pertencente a MVMC de xestión privada.
A Amtega, a través da Rede CeMIT, continúa ofrecendo formación dixital online, a través a plataforma de teleformación EMA, que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa. Os cursos están catalogados desde un nivel máis básico, como o uso da tableta, o aproveitamento do smartphone, as redes sociais, ata o uso da administración electrónica, operacións dixitais o tratado de imaxes e vídeos, etc.