Notas de prensa

Os axentes ambientais e bombeiros forestais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios suman máis de 2.200 desinfeccións

Os axentes ambientais e bombeiros do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia levan realizadas máis de 2.200 desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados, cando se cumpren catro semanas da súa colaboración para previr o contaxio do coronavirus. O persoal do Spdcif entregou ademais 170 alfombras e 300 sprays desinfectantes para reforzar a protección de centros de saúde e residencias.

En concreto, ata o pasado domingo efectuaron un total de 2.291 desinfeccións, das cales 418 rexistráronse en centros asistenciais da provincia da Coruña, 503 en instalacións de Lugo, 1.114 na provincia de Ourense e 256 na de Pontevedra.

En paralelo, o persoal do Spdcif entregou máis de 170 alfombras e 300 sprays desinfectantes para reforzar a protección de centros de saúde e residencias, pero tamén de oficinas comarcais, puntos de encontro e os propios distritos forestais. Deste xeito, esta semana non só continuarán coas desinfeccións e coa repartición de esteiras, senón que tamén tratarán de novo os felpudos e renovarán os pulverizadores xa entregados.

As desinfeccións, que estes traballadores realizan de xeito totalmente voluntario, estanse a levar a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes. Ademais de nos exteriores dos centros asistenciais, estase a actuar noutras áreas do rural especialmente sensibles, como as beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo.

Cómpre destacar que para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.

A maiores, cabe lembrar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar en todo o territorio galego.

Servizo de prevención e defensa contra os incendio, 2020-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES