
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha xuntanza por videoconferencia cos presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Lugo, Ourense e Pontevedra, Jano Sánchez, Santiago Leyes e Alba Soutelo e coa vicepresidenta do Colexio de A Coruña, Marga Muñoz, onde reiterou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa xurdida nos colexios farmacéuticos de Canarias co nome de Máscara-19, sendo adoptada posteriormente por varias farmacias ao longo da xeografía española, e nestes días, posta en marcha por Galicia.
O obxectivo é darlle ás posibles vítimas da violencia de xénero unha canle máis de saída a situacións violentas no fogar agravadas pola etapa de encerro, na que a muller e membros da familia conviven máis estreitamente co seu agresor e non teñen outra forma de pedir axuda. Desta maneira, cando unha muller acode a unha oficina de farmacia unha vez que empregue o código Máscara-19, o persoal farmacéutico porase de inmediato en contacto coas forzas e corpos de seguridade do Estado.
Cabe lembrar que o colectivo farmacéutico formou parte na redacción e posterior aprobación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.