Notas de prensa

Educación apraza as oposicións docentes para 2021 e blinda as prazas ofertadas

As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ata o vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na súa comparecencia hoxe ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación de estado de alarma motivada pola pandemia do COVID-19.

“Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, sinalou Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”, engadiu, o que leva á Consellería a tomar a decisión de adiar as probas ao vindeiro ano.

Segundo informou Pomar, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas, xa que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do Estado de Alarma, se activará a inscrición nas probas de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, incidiu.

Con esta decisión, a conselleira nega un cambio de posición, xa que o seu departamento afirmou sempre que, por prudencia e respecto ao esforzo das miles de persoas opositoras, se manterían as probas mentres houbese prazo para desenvolver o procedemento administrativo, que se esgota coa confirmación hoxe dunha nova prórroga do Estado de Alarma despois do 26 de abril.

Incremento dos recursos dixitais

Na súa intervención a conselleira debullou as distintas accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia para garantir que o proceso de ensino-aprendizaxe se poida seguir desenvolvendo en modo non presencial, polo que foi necesario reforzar as ferramentas do ámbito dixital que xa estaban a disposición da comunidade educativa así como a implantación doutras novas para o conxunto do sistema, e algunhas específicas de apoio ao alumnado máis vulnerable.

A conselleira destacou o “uso intenso” de todas estas plataformas durante este último mes e medio, o que demostra o compromiso e a responsabilidade tanto por parte do profesorado coma do alumnado por continuar co curso académico adaptándose a este novo escenario.

Así, as aulas virtuais dos centros (espazos webs onde os docentes poden organizar unidades didácticas, utilizar como repositorio de documentos, intercambiar comunicacións ou encargar tarefas aos alumnos) cuadriplicaron o seu uso durante o confinamento, ao pasar de 1 a máis de 4 millóns de interaccións diarias.

A plataforma E-Dixgal (que durante o curso chega a 27.000 alumnos de entre 5º de Primaria e 2º de ESO de 345 centros) e cuxos contidos dos libros dixitais foron abertos a todos os centros aínda que non formen parte do proxecto, incrementou o seu uso diario entre un 90 e un 110 por cento.

Referiuse tamén ao Portal EspazoAbalar, que conta cun repositorio de máis de 3.000 recursos, e á aplicación AbalarMóbil, que lles permite ás familias recibir ou consultar información dos seus fillos desde un ordenador ou dispositivo móbil e que suma máis de 264.000 usuarios rexistrados, dos cales practicamente a totalidade se conectou durante o último mes e 136.000 o fixeron na última semana.

Unha das novas medidas implantadas foi a plataforma de videoconferencia que permite interactuar co alumnado en tempo real e que nos seus primeiros quince días de funcionamento permitiu o desenvolvemento de máis de 52.000 reunións cun total de 170.000 asistentes. Ademais, activáronse videotitoriais para os profesores sobre o uso de ditos servizos, que rexistraron unhas 35.000 visualizacións nos primeiros quince días de funcionamento.

Por outra banda, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI), púxose a disposición do profesorado un documento coas directrices para o exercicio do teletraballo durante o período de suspensión de clases presenciais. Estas accións foron complementadas á súa vez, con outras iniciativas individuais e colectivas por parte da comunidade educativa que, en palabras de Carmen Pomar, ademais de amosar “o seu compromiso e implicación, son froito de anos de desenvolvemento das TIC no ensino galego”.

Apoio específico para as familias máis vulnerables

Na súa intervención, a conselleira fixo especial fincapé nas medidas dirixidas ás familias máis vulnerables, como o reparto de 2.750 kits informáticos compostos por portátiles e conexión gratuíta a internet para, deste xeito, garantir o seguimento da actividade educativa a todos aqueles alumnos que non dispoñen de recursos de conexión, a maiores dos 27.000 alumnos que xa contan con portátiles é acceso á rede a través do E-Dixgal.

Ademais, estableceuse unha orde de axudas para o alumnado usuario do servizo de comedor escolar xestionado pola Consellería, de xeito que a Xunta lles aboa o prezo do menú de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día. Desta medida, que supón un desembolso de arredor de 3 millóns de euros por parte da administración, segundo deu conta a conselleira, beneficiáronse un total 30.159 alumnos de 22.532 familias de segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO ás que xa se lles fixo un primeiro pagamento que suma preto dun millón de euros.

Chamamento a que o Goberno do Estado exerza as súas competencias

Por outra parte Carmen Pomar tamén incidiu en que, unha semana despois da Conferencia Sectorial de Educación, a Consellería segue á espera de que o Ministerio asuma as súas competencias e publique a normativa correspondente á organización do último trimestre para poder darlle respostas á comunidade educativa galega. Ante a indefinición do Goberno central, o departamento educativo da Xunta de Galicia remitiu a semana pasada unhas orientacións provisionais aos centros para que continúen co traballo non presencial e garantir así que todo o alumnado estea atendido.

Galicia vai actuar con “responsabilidade e lealdade institucional”, asegurou Pomar, quen insistiu tamén en que o Goberno central, “respectando a Constitución e a normativa educativa, debe exercer as súas competencias e fixar os criterios de promoción e titulación no presente curso escolar”, tal e como demandou a Consellería, para evitar desigualdades entre os territorios.

A conselleira insistiu tamén en que non se debe descartar unha volta ás aulas se as condicións sanitarias o permiten, atendendo non só a criterios académicos senón de benestar emocional, para o que afirmou que Galicia, cando chegue o momento, estará preparada.

Sistema universitario

En canto ao curso universitario, Carmen Pomar deu conta do contacto permanente cos reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia para coordinación de cuestións relativas ao ámbito académico e ao investigador.

Froito deste diálogo, e sempre respectando o principio de autonomía das universidades, cómpre subliñar o acordo para o peche do curso en modo non presencial, e, sobre todo, as instrucións para asegurar a calidade da docencia non presencial ata o remate do curso.

Tamén no ámbito universitario, Pomar sinalou que segue á espera de que o Ministerio de Universidades aclare -tal como lle expuxo a conselleira na reunión da Conferencia de Política Universitaria- a política de bolsas ao estudo para que ningún alumno se vexa perxudicado pola situación actual, así como unhas instrucións claras sobre os prezos públicos de matrícula, posto que as CCAA teñen que comezar a elaborar os seus propios decretos cara o vindeiro curso.

Adaptación ás novas circunstancias nun tempo récord

A titular de Educación aproveitou a comparecencia para expresar o seu especial agradecemento aos equipos docentes e ao alumnado, polo seu “altísimo nivel de implicación” e pola súa enorme capacidade de adaptación nun tempo récord á nova situación, superando “as limitacións físicas, tecnolóxicas e sociais desta situación de excepcional”.

Adaptar o funcionamento do ensino e do sistema universitario ás novas circunstancias de aprendizaxe a distancia e facelo con todas as garantías supuxo tamén un reto para a Administración educativa, que actuou coa máxima axilidade para dar resposta a todas as necesidades.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, 2020-04-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado que xa leva participado en varias edicións consecutivas do festival.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES