Buscador
Noticias
O gaiteiro lugués (con orixes ulloanas) Bruno Villamor impartirá obradoiros de música tradicional galega (especialidades de gaita galega, percusión tradicional, requinta e zanfona) no prestixioso Lark Camp 2019 no estado de California (USA). O Lark Camp botou a andar no ano 1980 co nome de Lark in the morning Music Celebration sempre tendo como sede o parque estatal Mendocino Woodlands, preto da vila costeira de Mendocino (California).
O Clúster Transfronteirizo Biotecnolóxico (CT-Bio) acaba de presentar na Zona Franca de Vigo un novo Hub biotecnolóxico, que se une así á Rede CTBio-Labs para o impulso do sector biotech e que xa conta con instalacións na USC, na Universidade do Minho e no Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga. O CT-Bio vai servir de apoio para detectar e madurar proxectos de cara á súa presentación na candidatura da Bioincubadora.
Máis dun cento de veciños de Boborás e outros participantes chegados de diferentes puntos da provincia de Ourense recrearán a vindeira fin de semana un dos acontecementos históricos máis importantes da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón. Os fitos históricos serán representados por voluntarios da mesma aldea, doutras parroquias do municipio e mesmo doutros concellos da provincia.
Presentouse a Guía de estudos de paisaxe urbana que aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, símbolo e identidade dos concellos costeiros galegos. Trátase dun novo documento impulsado polo Instituto de Estudos do Territorio, para conservar e protexer o verde e azul identificativo e característico das paisaxes dos concellos de Galicia, é dicir, promove recuperar os elementos que reforzan a identidade do lugar.
O Corazón da Artesanía, VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou onte as súas portas en Agolada despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Un total de 9.000 persoas acudiron ata Agolada para ver o traballo de 66 profesionais da artesanía, que representaban 27 oficios diferentes, así como visitar os 47 expositores de produtos gourmet.
O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) coordina o proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina), unha iniciativa na que colabora a USC e que está considerada como o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática, cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido.
A USC organiza na localidade de Carril o obradoiro internacional Co-construíndo Futuros Sustentables para a Pesca de Pequena Escala. Co organizado conxuntamente coa Universidade de Södertörn (Suecia), este é un encontro que pretende analizar a importancia socio-económica e cultural da pesca de pequena escala, abordando a súa contribución ao benestar das comunidades locais e a busca de futuros sustentables.
A XVI edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, o CeMAC 2019, analizará as novas fronteiras do audiovisual galego do 9 ao 12 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. O tema desta edición, 'Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización', supón unha nova achega na liña temática iniciada hai dezaseis anos. Ao abeiro do curso, por décimo ano consecutivo, desenvolverase o Taller Audiovisual "Celanova, plató de ficción", baixo a dirección de Paulino Pérez.
O Centro singular de Investigación en Tecnoloxía Intelixentes (CiTIUS) reforzará a súa estreita relación con empresas e administracións o vindeiro día 12 de xullo coa quinta edición da Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the lab. O evento repite un ano máis como encontro de referencia perante os distintos axentes do tecido socioeconómico, co propósito de amosar aos representantes de organizacións públicas e privadas as oportunidades que presentan os resultados de investigación máis recentes do centro.
A comunidade galega acaba de despedir un dos meses de xuño máis fríos e atípicos das dúas últimas décadas. Segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, que compara os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos valores medios do período climático de referencia 1981-2010, xuño caracterizouse por ser un mes moi frío e húmido, con precipitacións algo por riba do normal.