Notas de prensa

Boborás convida a unha viaxe no tempo recreando a batalla de 1809

Máis dun cento de veciños de Boborás e outros participantes chegados de diferentes puntos da provincia de Ourense recrearán a vindeira fin de semana un dos acontecementos históricos máis importantes da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón. Os fitos históricos serán representados por voluntarios da mesma aldea, doutras parroquias do municipio e mesmo doutros concellos da provincia.

Trátase dunha festa histórica na que os veciños de Boborás convidan aos visitantes a unha viaxe no tempo, para coñecer durante dous días en Pazos de Arenteiro os costumes, a gastronomía e o modo de vida daquela época, rematando o domingo 14 de xullo, ás 20.00 horas coa gran batalla final na Ponte.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural "que une historia, ocio e a solidariedade demostrada por un pobo", dixo Rosendo Fernández, vicepresidente do ente provincial, na presentación que tivo lugar no Pazo Provincial, xunto coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e a tesoureira da asociación "1809 A Batalla", Lidya Almonte, a quen acompañaron voluntarios ataviados con vestimenta de soldados franceses e de veciños daquela época. "Este evento é máis que unha festa, porque permite coñecer o que significa a implicación total da veciñanza cun acontecemento cultural dun pobo, que se desenvolve nun enclave que é monumento nacional", expresou Fernández.

Patricia Torres destacou "o grande esforzo dos máis de cen voluntarios que traballan para que todo estea a punto: vestiarios, decorados, armas, así como todos os elementos para que a recreación histórica sexa perfecta, incluíndo tamén disparos con pólvora e canóns e demostración de esgrima antiga", salientou, engadindo que ademais da batalla en si, o programa de actividades inclúe teatro histórico, espectáculos de maxia, obradoiros de danzas, olería e cestería, catas de viño e aceites, e concertos, repartidas entre o sábado 13 e o domingo 14 de xullo, entre as 11.00 e as 23.00 horas.

A festa "1809 A Batalla" é un evento cultural no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos liderados polo Capitán Cachamuíña e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz, aos que os galegos derrotaron. "Boborás rememora así a historia da vila e da súa bisbarra", dixo Lidya Almonte, que destacou que en 2017 se creo a asociación "1809 A Batalla" "para levar a cabo e promover este acontecemento no que se implica todo o pobo". Os fitos históricos serán representados por voluntarios da mesma aldea, doutras parroquias do municipio e mesmo doutros concellos da provincia, que se unen á celebración e vístense de combatentes dos dous bandos durante eses dous días.

Deputación de Ourense, 2019-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260622-xunta.JPG) O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all.
Foto de la tercera plana (doazon-sangue-bus.jpg) Galicia situouse en 2025 como a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón de España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Segundo os datos que o Ministerio de Sanidade fixo públicos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, as campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permitiron situar Galicia nos primeiros postos, ao rexistrar 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo soamente superada por Estremadura (47/1.000) e Castela León (45/1.000).

Notas

A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES