//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 para potenciar e consolidar este servizo nos pacientes que pola súa situación clínica non poden desprazarse de forma habitual ata o centro médico coma persoas inmobilizadas, crónicos complexos ou que tras un ingreso hospitalario precisan certos coidados na súa vivenda. O obxectivo é establecer un modelo asistencial de atención domiciliaria baseado na proactividade do sistema, que é un dos piares da Estratexia galega de saúde 2030, así como na continuidade asistencial e no fomento da participación e a corresponsabilidade do paciente.
Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal no que respecta ás precipitacións, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Neste sentido, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.
Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro. Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións.
A Alianza galega polo clima conta xa con 100 membros trala adhesión da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) ao compromiso de loita contra o quecemento global. Deste xeito a entidade -que conta con máis de 230 empresas asociadas, máis dun cento delas galegas- colaborará na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. Galicia ten avanzado moito nos últimos anos na loita contra o cambio climático pois desde 1990 reduciu un 34% as emisións brutas de gases de efecto invernadoiro e en 2021 foi a primeira comunidade en absorción de carbono con preto de 10 millóns de toneladas, o equivalente a unha de cada cinco toneladas absorbidas en todo o territorio nacional.
Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional. Ademais, seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. A Xunta ten elaborado o Inventario de zonas húmidas de Galicia.
A Xunta vai desenvolver un marco normativo para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos na Formación Profesional galega. Galicia vai ser a primeira comunidade en contar cunha regulación. Trátase dun paso esencial para blindar que os resultados de investigación e innovación aplicada xurdidos do traballo do alumnado dos centros educativos de Formación Profesional revertan no sistema educativo. Deste marco regulador tamén se vai beneficiar o profesorado e as empresas e entidades que prestan a súa colaboración nos distintos ciclos de Formación Profesional.
Arranca a dotación de Puntos Laranxa contra o acoso escolar nos Espazos Xove da comunidade autónoma. Esta iniciativa pretende fomentar a tolerancia cero ante calquera conduta contraria á convivencia, e en reclamar a implicación do conxunto da sociedade na loita contra o acoso. En total está prevista a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar en todos os colexios e institutos públicos galegos, nos Espazos Xove e nas residencias xuvenís e de estudantes. Estes puntos contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, e funcionan a modo de caixa de correo a través da cal a mocidade pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso.
Galicia reduce ata o 8,8 % o taxa de abandono educativo temperá correspondente ao ano 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9 % fixado pola Unión Europea para o ano 2030. Así o confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, á falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto das comunidades autónomas.
Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8), o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos, ao abeiro de programas de mellora impulsados desde o Goberno galego que fan fincapé en piares fundamentais como son o reforzo das competencias académicas con especial atención a quen máis o precisa, o fomento do bo clima nas aulas, o labor de orientación para a elección dun itinerario formativo e o reforzo da FP Básica como garantía dunha saída profesional.
As obras do Centro de Protonterapia de Galicia situaranse na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e estará proxectada a construción duns edificios que ocuparán 3.683 metros cadrados, ademais de contar con 6.075 metros cadrados de espazos exteriores. No seu interior, o centro de terapia de protóns dividirase en dous niveis. Unha planta baixa para a recepción de pacientes e as áreas de tratamento, persoal e mantemento; e un primeiro andar onde se situará a zona de dirección e os equipamentos do edificio. Así mesmo, o inmoble contará con dous búnkers, que poderán albergar dous equipos Proteus One, reservándose o espazo para instalar, de ser o caso, un terceiro.
Os integrantes do Centro de Coordinación Operativa do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia confirmaron na súa reunión en Santiago que a incidencia da chegada de pellets descendeu notablemente e xa non chega aos umbrais mínimos que recomendan os organismos internacionais para a súa recollida. Así, estase por debaixo dos 150 pellets/m2 que foi o método utilizado en Nova Zelanda tralo incidente do MV Rena. Non se chega tampouco á recollida de 50 gramos de pellets de plástico por cada operador e día, e non se acadan os 500 ml deste residuo granulado por limpador e día.
O ránking Times Higher Education Impact University Ranking (THE Impact), que recoñece as universidades de todo o mundo polo seu impacto social e económico baseado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Organización das Nacións Unidas, vén de facer público o seu informe no que sitúa á Universidade da Coruña no posto 13 das universidades do mundo en Educación de Calidade, acadando así un resultado histórico.
Galicia conta con preto de 1,5 millóns de hectáreas de superficie arborada, das que preto do 28%, 409.026, corresponden a plantacións de eucalipto e outras 619.561, o 42,5%, a outras especies da familia das frondosas, mentres que as coníferas representan o 29% restante, con 422.344 hectáreas. Estes son os principais datos extraídos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Cunha fundada análise metodolóxica, unha demorada investigación dialéctica e unha coidada presentación, Dario Villanueva debullou exemplos da linguaxe de hoxe en día en campos sociais tan dispares como a literatura, o dereito, a política e a publicidade. Todo este esforzo destilouno na súa obra 'Los poderes de la palabra', da editorial Galaxia Gutemberg, que presentou no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG).
As tres universidades públicas galegas, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo, organizan conxuntamente un acto de recoñecemento ao estudantado coas mellores notas obtidas nas probas de acceso á universidade, ABAU, que terán lugar os vindeiros días 6, 7 e 8 de xuño.
Charlas divulgativas, rutas educativas sobre terreo queimado, desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas ou o apoio a comunidades de montes son algunhas das actividades que o proxecto de aprendizaxe e servizo Plantando cara ao lume, unha iniciativa liderada desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e no que participan 15 centros universitarios de toda España, pon en marcha esta co obxectivo de promover unha relación sustentable entre cidadanía e incendios forestais.
A esperada cita polos amantes da música indie e underground tivo lugar esta pasada fin de semana en Sarria (Lugo). O festival consolidado na súa oitava edición arrincaba o venres cunha gran acollida de público que puido gozar de directos destacables como os da banda portuguesa First Breath After Coma, Toundra ou VVV na sala Litmar.
Unha investigadora do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC conseguiu afondar nun dos grandes enigmas neste eido investigador: en que medida o cambio climático afectará o biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental? O estudo conclúe que o cambio climático podería reducir a biomasa acumulada nos monumentos pero a colonización resistente pode ser máis deteriorante.
Coincidindo coa festa dos Milagros de Saavedra, que se celebra o mércores, instalouse a quinta das esculturas que nas 19 parroquias do concello de Begonte van conformar un intanxible Camiño do Belén. A escultura, do artista lucense César Lorenzana é un gran banco de frores, dedicado á Virxe como 'Dona das frores. Señora dos Milagres. Mai do Belén'.
Desde hai máis de dúas décadas en España, como no resto de Europa, explican as profesoras e investigadoras do campus de Ourense Raquel Rial e Beatriz Cancho, as cifras da obesidade supoñen un serio problema e reto de saúde pública especialmente grave na poboación infantil (onde afecta a 4 de cada 10 nenos e nenas) e na poboación adolescente (afecta a 3 de cada 10).
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá os días 15 e 16 de xuño un seminario internacional centrado no mantemento e recuperación do emprego no que se dedicará especial atención aos colectivos de atención prioritaria neste eido por razón de xénero, idade ou diversidade funcional.