
Neste contexto, veñen de desenvolver un proxecto de aprendizaxe-servizo no que alumnado do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias da UVigo explicou a escolares de Educación Primaria como ler as etiquetas dos produtos alimentarios para poder escoller os máis saudables.
Unha boa práctica alimentaria
A obesidade, comentan Raquel Rial e Beatriz Cancho, dificulta o crecemento saudable debido ás súas importantes consecuencias físicas, mentais e sociais para a súa saúde, que poden afectar tanto na infancia como na adolescencia e idade adulta. Segundo explican, no Plan Estratéxico Nacional para a Redución da Obesidade Infantil (2022-2030) apóstase por promover contornas máis saudables, con especial foco na contorna escolar. Os centros educativos deberían ser centros promotores de saúde, xerando un ecosistema social promotor dunha alimentación saudable e creando un cambio cultural cara estilos de vida saudables, afirman. A infancia e a adolescencia, engaden representan, sen dúbida, unha xanela de oportunidades xa que é cando se aprenden e configuran os hábitos alimentarios e estilos de vida que persistirán en etapas posteriores da vida.
As responsables do proxecto sinalan neste marco de consideración que unha boa práctica alimentaria é ler e entender toda a información recollida na etiquetaxe dos alimentos, prestando principalmente atención á listaxe de ingredientes menos saudables (azucres engadidos, graxas saturadas e sal) e como se declaran na información nutricional. Só así se pode elixir correctamente os alimentos procesados envasados que ofrece a industria alimentaria, afirman. Tendo en conta todos estes elementos, as profesoras Raquel Rial e Beatriz Cancho, responsables das materias de Bromatoloxía e Políticas Alimentarias de terceiro curso do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, puxeron en marcha este curso académico o proxecto de aprendizaxe-servizo de innovación docente da UVigo Lendo etiquetas para coidar da miña saúde. Trátase dunha metodoloxía educativa innovadora que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade. Con esta metodoloxía ofrécese ao alumnado universitario a oportunidade de aprender sendo útiles aos demais e promóvese desta maneira valores e actitudes como a empatía, o compromiso, o civismo e a solidariedade, subliñan as investigadoras do grupo Food and Health Omics da Universidade de Vigo.
Talleres e xogos
No marco do proxecto seis alumnas e alumnos universitarios das citadas materias, con coñecementos en composición de alimentos e en etiquetaxes alimentarias, achegáronse este mes ao Colexio Divina Pastora de Ourense para ensinar a escolares de 2º, 4º e 6º de Educación Primaria a ler e comprender a información da etiquetaxe nutricional. Para apoiar esta actividade, deseñáronse trípticos, onde se recollen recomendacións alimentarias para unha vida saudable, e xogos e pequenos talleres prácticos que se impartiron nas aulas do colexio para concienciar do elevado consumo de azucres engadidos, graxas saturadas, sal e estimulantes (cafeína, taurina, ginseng, etc) nas bebidas enerxéticas.
Agradecendo a colaboración do centro e do seu profesorado, as responsables da iniciativa indican que as e os escolares de Primaria contaban cunha boa formación en alimentación saudable, mostrando grande interese nos talleres. Neles realizaron actividades como pesar as cantidades de azucres engadidos e graxas saturadas en doces e produtos de repostaría e pastelería industrial para interiorizar que moitos deles exceden as cantidades establecidas como inxestas diarias recomendadas. As e os escolares de maior idade tamén calcularon as cuncas de café que conteñen as bebidas estimulantes, cuxo consumo se dispara a partir desta idade, valorando os efectos negativos que xera o consumo elevado de estimulantes (taquicardia, desconcentración, falta de sono, etc). As e os rapaces aprenderon a localizar os ingredientes menos saudables nas etiquetas e as súas cantidades. Neste punto, desde a organización da actividadade poñen en valor o bo traballo realizado polo alumnado universitario participante nas sesións levadas a cabo.
A experiencia foi moi enriquecedora para todos, tanto é así que o colexio Divina Pastora de Ourense xa manifestou o seu interese en volver repetir esta experiencia de cara ao próximo curso académico, sinalan as profesoras, que apuntan a idea de darlle continuidade ao proxecto abríndoo a máis centros educativos. A iniciativa, indica, alén de beneficiar ás e aos participantes pode indirectamente fomentar hábitos saudables nas súas contornas familiares.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.