Noticias

Aprobado o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 para potenciar e consolidar este servizo nos pacientes “que pola súa situación clínica non poden desprazarse de forma habitual ata o centro médico” coma persoas inmobilizadas, crónicos complexos ou que tras un ingreso hospitalario precisan certos coidados na súa vivenda. O obxectivo é establecer un modelo asistencial de atención domiciliaria baseado na proactividade do sistema, que é un dos piares da Estratexia galega de saúde 2030, así como na continuidade asistencial e no fomento da participación e a corresponsabilidade do paciente.

A posta en marcha deste plan enmárcase na reforma e mellora do actual modelo de atención primaria, iniciada pola Xunta no 2019, para dar resposta ás actuais demandas da poboación galega e dos profesionais sanitarios.

Con este plan, o Executivo galego reforzará a atención á poboación que non pode desprazarse ao centro de saúde e proporcionará información, educación e apoio ao paciente e á súa familia no seu propio domicilio, fixando uns protocolos comúns para todas as áreas sanitarias.

A aprobación deste plan responde a un mandato do Parlamento galego, aprobado por todos os grupos da Cámara, co obxectivo de elaborar unha estratexia de atención domiciliaria que reforce o modelo de atención no domicilio no primeiro nivel asistencial.

Accións que se levarán a cabo

Para garantir a consecución do plan, a Consellería de Sanidade establece cinco liñas estratéxicas principais, ademais de 13 obxectivos e 23 accións. Tal e como explicou o presidente, entre as principais medidas está o deseño “dun protocolo común de actuación en todas as áreas sanitarias”; a creación “de equipos de soporte de atención domiciliar”, formados por diferentes profesionais que se desprazarán ata a vivenda dos pacientes así como fomentar a docencia e investigación neste eido e “dotar aos profesionais dos recursos necesarios” para desenvolver o seu traballo nos domicilios con total seguridade.

Para acadar unha implantación satisfactoria do plan, as accións formúlanse en dous intervalos temporais, a curto prazo (2024) e a medio prazo (2025).

En consecuencia, o Plan permitirá avanzar cara a un modelo organizativo óptimo para levar a cabo unha atención de calidade no domicilio do doente, e dirixido a todos os profesionais de atención primaria que teñen recollida a atención domiciliaria na súa carteira de servizos, sempre que esta modalidade de atención se considere a más axeitada polas circunstancias da persoa.

Grazas a esta medida, desenvolverase un modelo específico de valoración integral que facilite a identificación de necesidades da persoa e a posterior elaboración dun plan individualizado de intervención. Para levalo a cabo, dotaranse os profesionais dos recursos que sexan necesarios co fin de mellorar e axilizar a atención domiciliaria.

Cómpre remarcar, así mesmo, que a actividade asistencial domiciliaria do Sergas se estrutura en dous bloques, a prestación de servizos en primaria e a hospitalización a domicilio. Así, este plan de atención domiciliaria completa o Plan de hospitalización a domicilio-Estratexia HADO 2019-2023 de xeito que queda definida unha actividade asistencial domiciliaria de calidade, sexa cal sexa o nivel asistencial desde o que se leve a cabo.

Tecnoloxía para a atención domiciliaria

O Sergas conta con diversos recursos, programas e ferramentas tecnolóxicas que facilitan a atención domiciliaria, entre as que compre destacar a plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, a historia clínica en mobilidade, Programa Conecta 72, Sergas Móbil ou Esaúde.

R., 2024-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.

Notas

No marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, estableceuse como obxectivo a elaboración dun protocolo común en materia de acompañamento psicolóxico ao estudantado destas universidades.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Con arredor dun centenar de asistentes, no evento presentaranse arredor de 70 traballos científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES