Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Cidade da Cultura farase eco na súa vindeira exposición, Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, da calidade e recoñecemento que está a vivir a artesanía galega dentro e fóra de Galicia, tal e como acredita o interese que esperta entre publicacións especializas de prestixio ou o feito de que os produtos de novos artesáns e artesás ocupan un espazo destacado en feiras internacionais de renome, como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair, entre outras. Deste xeito, a partir do 12 de abril e ata o 8 de setembro, o Museo Centro Gaiás propón unha ambiciosa e completa viaxe no tempo pola artesanía de Galicia.
Cintaadhesiva é un proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e do músico Jesús Andrés Tejada, que ten como base os ámbitos literario e musical, un espectáculo de música electrónica e poesía no marco dos ‘Xoves de Moda’, un dos programas artísticos promovidos no marco do ciclo Lubicán. Un concerto de Cintaadhesiva antóllase como unha experiencia moi completa, de grande intensidade. Nos contidos destaca un posicionamento marcadamente feminista e unha visión crítica de diversos ámbitos do social. Unha reflexión profunda e poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano. A ‘e-poesía’, ou poesía con música electrónica, é a base principal das composicións de Jesús Andrés.
Inaugurouse na Sala de Recepción e Protocolo do Pazo Provincial de Ourense a mostra 'Castelao e Prada: Irmaus!', que inclúe como peza central o emblemático lenzo de Castelao, 'A derradeira leición do mestre', pintado polo artista rianxeiro en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence. O cadro, que se expón en Ourense en virtude dun acordo de préstamo entre o Centro Galicia de Buenos Aires, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo, poderá ser visto durante o próximo mes na cidade das Burgas, antes do seu definitivo retorno ao Centro Galicia a partir do vindeiro 7 de abril.
A sétima edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas, desenvolverase do 10 ao 13 de xuño baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega. A implicación directa deste colectivo empresarial no proceso de xestión do evento é a principal novidade deste ano, a través da que a Administración autonómica busca estreitar o diálogo co sector e, en consecuencia, reforzar a finalidade coa que Galicia Escena PRO botou a andar en 2013 para servir de estímulo á contratación dos espectáculos producidos na nosa Comunidade. O mercado acaba de abrir ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15.00 h, o prazo para que as compañías galegas inscriban as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia.
Esta mostra foi realizada en colaboración co museo M-Museum Leuven de Bélxica onde, entre outubro 2018 e xaneiro 2019, tivo lugar unha exposición retrospectiva de René Heyvaert, comisariada por Eva Wittockx e Peter Swinnen e realizada con fondos propios e obras pertencentes a outros museos, como o S.M.A.K. de Gante ou o MHKA de Amberes, e a coleccionistas particulares de Bélxica. Ambas exposicións comparten un mesmo núcleo de obra, aínda que difiren nas súas formulacións e percorridos. Ademais, o CGAC contou nesta ocasión coa entidade que xestiona o patrimonio do artista, representado na actualidade pola galería Clearing de Bruxelas e Nova York.
O Altantic Emprende + Gaiás volve na súa segunda edición para analizar as transformacións no sector da música e da organización de festivais. O evento, que terá lugar o sábado 30 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, combinará relatorios con expertos e expertas da industria musical, actuación de bandas como Mare Ladson o Mordem, exposicións de carteis realizados polo recoñecido deseñador catalán Xavi Forné (do estudio Error! Design), e un menú especial do cociñeiro Luis Veira, chef galego galardoado cunha estrela Michelin. Esta edición contará cunha exposición de carteis de grupos musicais deseñados por Xavi Forné, autor de pósters para bandas internacionais como Wilco, Mastodon ou The Black Keys.
A décimo quinta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 3 ao 7 de abril, anuncia un interesante programa de actividades paralelas enfocadas á formación e ao diálogo con diferentes disciplinas artísticas. Baixo o título 'Eppur se muove (E, sen embargo, móvese)' o festival de cinema tudense propón un programa que conecta o traballo de cineastas e fotógrafos. Estas duas formas de expresión artística están a vivir un momento de especial efervescencia creativa, especialmente entre autores e creadores galegos. O obxectivo deste programa é establecer un diálogo entre ambas disciplinas. Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva.
A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital. Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro.
Carpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través deste circuíto da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados. En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa.
Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
| 91,2  de  277 | Siguiente »

Notas cultura

Este mércores vaise celebrar en Paradela a presentación oficial do libro OS MOSTEIROS DE SANTA MARÍA DE CASTRO DE REI E SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO (PARADELA-LUGO), orixinal do profesor Ángel Fernández López. Ángel Fernández, natural de Paradela, concello do que é Fillo Predilecto, foi Inspector de Educación e Delegado Provincial da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Galicia estará presente nas Feiras Internacionais do Libro Líber, en Barcelona, e na de Frankfurt. A Feira Líber celébrase desde o mércores día 3 ata o venres 5. Pola súa banda, a de Frankfurt terá lugar do 10 ao 14 de outubro. Estas dúas feiras teñen un carácter comercial, que aproveitan as editoriais galegas para establecer relacións que contribúan a nutrir o sistema cultural galego.
Directo 9 é o noveno espectáculo de Pisando Ovos, que vén completar a súa triloxía arredor da música electrónica e do desgaste físico dos corpos en directo, dentro da que xa levou a escena Que volvan as flores (2014) e Give it a Spin (2015). Nesta ocasión, o obxectivo é que os espectadores que asistan a esta particular sesión de DJ e danza se sintan partícipes unha experiencia conxunta a través da vibración dos seus corpos.
Presentáronse onte no Pazo de San Roque os 'XXXVIII Cadernos Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno. Palabra fértil no Tempo', un volume dedicado a afondar na figura da homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, que vén de publicarse co gallo da programación conmemorativa impulsada desde a Xunta. A obra conta cun limiar de Blanca-Ana Roig Rechou.
A derradeira leición do mestre —obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerada o ‘Guernica galego’— chegou esta tarde ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura desde o Centro Galicia de Buenos Aires. O óleo, de máis de 2 metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid en avión na pasada fin de semana e foi trasladado por estrada ata o Gaiás, escoltado por axentes da Policía Autonómica.
Rosalía foi a protagonista da segunda edición do festival que durante o 29 setembro reuniu na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela espectáculos de música, teatro e danza, obradoiros de rap, a elaboración dun grafite e centos de produtos rosalianos. A imaxe dunha Rosalía superheroína, con capa e máscara, presidiu novamente o cartel do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago.
A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño conclúe esta fin de semana coas últimas 12 actuacións das 340 ofrecidas desde mediados do pasado mes de abril. A Xunta de Galicia organiza este programa escénico e musical a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis e en colaboración cos 103 concellos asociados este ano.
A nova edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará do 25 ao 27 de outubro, comeza a súa conta atrás e, para quentar motores, o venres 28 haberá unha proxección especial cos seis mellores traballos da edición 0. O evento, que é de balde, terá lugar no local Brewing Records, na rúa Martín Códax 8, a partir das 22.00.
O Galician Bizarre naceu hai unha década como un movemento que agrupaba bandas da escena underground galega, nas que as influencias musicais anglosaxonas máis variadas pasaban por un filtro do país. Ese espírito quedou plasmado en numerosos concertos e dous discos recopilatorios nos que apareceron grupos como Novedades Carminha, Terbutalina, Srasrsra, Fantasmage ou Telephones Rouges.
A Obra Social de ABANCA presenta a segunda edición de ACREATIVA, un proxecto que ten como obxectivo mostrar as novas tendencias e vangardas culturais a través de diferentes experiencias creativas. O foco centrarase na música como fío condutor pola súa ampla capacidade para ramificarse e influenciar noutras escenas, e as mulleres e o seu papel na industria musical terán un espazo relevante, xa que o 80% das actividades que se desenvolverán estarán protagonizadas por artistas femininas.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES