Noticias

O Festival Play-Doc abre o diálogo entre cinema e fotografía e presenta as súas actividades formativas

A décimo quinta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 3 ao 7 de abril, anuncia un interesante programa de actividades paralelas enfocadas á formación e ao diálogo con diferentes disciplinas artísticas. Baixo o título 'Eppur se muove (E, sen embargo, móvese)' o festival de cinema tudense propón un programa que conecta o traballo de cineastas e fotógrafos. Estas duas formas de expresión artística están a vivir un momento de especial efervescencia creativa, especialmente entre autores e creadores galegos. O obxectivo deste programa é establecer un diálogo entre ambas disciplinas. Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva.

Este achegamento materialízase no programa Eppur se muove e cuxa proposta se centra en tres eixos de traballo: a presentación de proxectos fotográficos levados a cabo por fotógrafos que se apoiaron no vídeo durante os seus procesos de creación, un encontro entre cineastas e fotógrafos, no que se debaterá sobre as similitudes e diferenzas entre estas materias e finalmente unha exposición cunha selección do traballo destes creadores.

Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira (30122), Tono Arias (Encarnados), Rubén Gasalla (A paisaxe é fermosa) e Ariadna Silva (Cartografía do esquecemento). O festival propón un encontro aberto co público e os autores destas propostas nun programa que se completa cunha exposición fotográfica.

Seminario Crítica Cinematográfica: O vídeo-ensaio

Nesta décimo quinta edición volve, xa convertido nun clásico, O Seminario de Crítica Cinematográfica, organizado en colaboración coa Asociación Cultural A Cuarta Parede.
Dedicado a todos aqueles que desexen aprender sobre crítica cinematográfica, estes cursos pretenden dotar a estudantes e profesionais de ferramentas críticas para enfrontarse á análise e a reflexión en diferentes traballos audiovisuais. Nesta edición o seminario estará adicado á técnica do vídeo-ensaio, unha figura fílmica na que conflúen diversas correntes do documental e a vangarda. Esta actividade estará dirixida polo recoñecido crítico e programador portugués Ricardo Vieira Lisboa, que xunto co equipo de A Cuarta Parede, terán a tarefa de levar aos alumnos da escritura en texto á escritura en imaxes.

Obradoiros formativos con La Cinematográfica

Un ano máis A Asociación Cultural La Cinematográfica colabora con Play- Doc na organización de obradorios que se celebrarán durante os días do festival.

'Alquimistas do Documental Persoal: A Bólex 16mm e outras formas de levitación'. O obxectivo deste obradoiro é penetrarse no rico campo do documental persoal. Desenvolverase en dúas fases, unha primeira parte teórica na que se visualizarán fragmentos de filmes de autores consagrados do cinema experimental como Jonas Mekas, Maya Deren, Chatal Akerman, Harun Faroki entre outros, para despois pasar á parte práctica no que o grupo de alumnos desenvolverá todo o proceso creativo. Rodarán cunha cámara Bólex de 16 mm (a mesma coa que comezou a experimentar o cineasta Kidlat Tahimik, protagonista dunha das retrospectivas desta edición) revelarán e proxectaranse os seus traballos no festival.
Este obradoiro estará impartido pola cineasta documentalista e docente Xisela Franco.

'Obradoiro Infantil: REC& PLAY [Son e imaxe en movemento]'. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo en Play- Doc 2019 co obradoiro dedicado ao son que impartirá o artista multidisciplinar Juanma Lodo onde poderán explorar e descubrir dun xeito divertido o cinema desde os seus inicios ata a vangarda audiovisual contemporánea.

Play- Doc | Punto de Encontro

El Festival Internacional Play- Doc, quere ser un punto de encontro para cineastas e público xerando interaccións a través de todas as súas actividades. Durante esta edición do festival poderase gozar dun amplo programa de actividades como Master Class, encontros, ponencias, etc… que o festival irá anunciando nas próximas semanas.

R., 2019-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES