Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son as cinco bandas que o xurado escolleu como finalistas para a XI edición do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña. Nun concerto que se celebrará no mes de novembro decidirase quen será a banda gañadora das cinco que compiten na XI edición do premio Narf da Deputación da Coruña. O xurado reunido hoxe na Coruña, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que tamén participou a música Su Garrido Pombo, gañadora da edición anterior, escolleu as cinco bandas finalistas entre os 24 presentadas.
Catro candidaturas galegas compiten como finalistas das cinco categorías dos Premios Nacionais de Artesanía. Nesta 12ª edición dos galardóns foron seleccionados como finalistas tres obradoiros galegos: Eferro (Vila de Cruces), Ojea Studio (Vigo) e Anaquiños de Papel (A Coruña). Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia, aspira a gañar na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas, na que foi galardoada en dúas ocasións anteriores. Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea.
A USC e Afundación, Obra Social de Abanca, organizan o proxecto expositivo ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, un percorrido pola vida e a obra do recoñecido compositor galego Andrés Gaos neste ano 2019, denominado ‘Ano Gaos’ no que se cumpren 60 anos do seu falecemento. Os comisarios e profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Capelán e Javier Garbayo, e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, presentaron este martes en rolda de prensa os detalles da mostra. A exposición poderase visitar ata o vindeiro 14 de decembro na Sede Afundación da Coruña.
O vindeiro venres 11 todas as persoas que de decidan achegarse ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza 'Despois das ondas', baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares. Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia.
Foi presentado no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.
O centro museístico porá en marcha a segunda edición de Museo en familia, un programa de actividades que presta especial atención aos máis pequenos da casa así como aos seu contorno familiar. Neste sentido, ao longo deste trimestre conxugarase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecerán unha alternativa, musical e didáctica para os seráns. A iniciativa acollerá as actuacións musicais de Magín Blanco, Coralie Yap Chine, Mielitza, Rafa Fernández e Rosalía Cid e Juanma Varela; as sesións de contacontos O Paroleiro e Camiño de contos, e obradoiros sobre froitas e verduras, cómics ou monicreques. Tamén se realizarán percorridos guiados polo museo con contacontos e o espectáculo familiar de Xarope Tulú, Estrafalaria.
In Landscape Mode reflexiona acerca da distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos. O artista fálanos da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade, e convídanos a reflexionar sobre unha paisaxe en tensión, ao ilustrar o desapego e a violencia ao que se ve sometida esta pola acción humana. Finalmente, Villamide ironiza sobre as tendencias artificiais de encontro coa natureza na procura, en moitas ocasións, da mellor instantánea. O que agocha o gozo da vivencia mesma. Cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, o artista evoca e provoca, nunha perfecta simbiose entre ética e estética.
Foi presentado na Coruña o catálogo de produtos da marca Artesanía de Galicia co que se pretende dar un novo pulo á promoción das pezas artesanais como elementos da vida diaria, tanto no ámbito do interiorismo e decoración como no da xoiaría, moda e complementos. A publicación, de 55 páxinas, caracterízase polo seu deseño e unha coidada maquetación, e outorga unha especial relevancia ás fotografías, que amosan escenas cotiás nas que a artesanía galega é a protagonista das imaxes. Ofrécese unha imaxe contemporánea do sector artesán galego, mesturando tradición e modernidade. Búscase amosar a heteroxeneidade do sector e poñer en valor a incorporación da artesanía no día a día.
Cada outubro, a industria global de medios e entretemento converxe en Cannes para compartir catro días de intercambio, reunións, proxeccións, conferencias e tecer redes. Será o próximo 16 de outubro neste MIPCOM da cidade francesa cando Auga Seca (6 x 50’) teña a súa estrea mundial da man do distribuidor internacional DCD Rights. O screening desta ficción no mercado posiciónase como un dos pratos fortes ao lado da esperada serie belga Blackout, ou a xaponesa An artist of the floating world, adaptación da novela homónima do Nobel de literatura Kazuo Ishiguro.
Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas. Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón, formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa).
| 79,2  de  277 | Siguiente »

Notas cultura

Ao certame poderán concorrer, desde hoxe ata o vindeiro 24 de agosto, todos os e as poetas de calquera lugar do mundo que presenten un poemario orixinal en galego ou castelán, cuxo contido oscile entre os 450 e os 550 versos arredor do tema “a vida como camiño” e que manteñan unha vinculación co Camiño de Santiago desde a perspectiva do conxunto do poemario. A obra gañadora recibirá 1500 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra, tanto en galego coma en castelán.
Os vindeiros días 6 e 7 de xuño desenvolveranse en Santiago de Compostela as II Xornadas de Patrimonio Bibliográfico, que reunirán a preto de douscentos especialistas de primeira orde de toda España. Organizadas polo grupo de traballo de Patrimonio Bibliográfico de REBIUN e a Universidade de Santiago de Compostela, nas xornadas debaterase sobre os diversos aspectos da xestión das coleccións patrimoniais en bibliotecas históricas e das coleccións especiais en bibliotecas e arquivos.
A exposición DESTACADOS poderá visitarse o 15 de setembro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Esta exposición comprende unha selección de pintura, escultura e obra en papel das pezas máis significativas e icónicas da colección, non só polo estilo artístico que representan, senón tamén pola importancia e a transcendencia dos seus autores. As pezas reunidas no MARCO permiten trazar unha breve panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX.
“Hai concellos que apoian certames de narrativa ou de poesía, pero son escasos os que apoian a escrita dramática. Por iso é de agradecer iniciativas como a do Concello de Brión e desexar que teña continuidade”. Con estas palabras Xavier Lama iniciaba o seu discurso tras recibir de mans do alcalde de Brión, José Luís García, o galardón da primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais en galego.
O cinema feito en Galicia centra esta semana a programación coa que o Centro Galego de Artes da Imaxe se suma á celebración do Día das Letras Galegas en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. A figura pioneira do produtor coruñés Víctor Ruppén, os últimos premios Mestre Mateo do audiovisual galego e o documental etnográfico son os tres eixos da carteleira que poderá verse ata o sábado na sede coruñesa da filmoteca da Xunta.
O Día das Letras Galegas adiántase ao luns 13 nunha nova sesión dos Luns do Ateneo. Nesta ocasión, será momento de lembrar a Antón Fraguas coa conferencia do Antropólogo Manuel Vilar Álvarez, autor da exposición sobre a súa figura realizada no Museo do Pobo Galego en 2006. Así, o Ateneo homenaxeará ao historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista, cun gran coñecedor da súa persoa como é Vilar Álvarez.
A Sala Multiusos acolle 'A muller do século XXI', que estará aberta ata o día 30 de maio, e o Refectorio mostra 'Bruxa! Libres, rebeldes, insubmisas', dispoñible ata o vindeiro 8 de xuño.A primeira mostra un percorrido polo traballo a favor do cumprimento dos dereito humanos, o mellor camiño para alcanzar a dignidade e a igualdade entre todos. A segunda é un proxecto artístico sobre a violencia contra as mulleres e que reivindica a súa liberdade.
A XVIII romaría etnográfica "Raigame" dedica esta edición ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando, e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. As rúas de Vilanova, un ano máis punto de encontro da etnografía galega, encheranse un ano máis de oficios tradicionais e cultura popular.
O Gaiás vén de convocar unha nova edición o seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece a novos e novas creadoras a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura. Así, un total de corenta artistas emerxentes serán seleccionados para presentar no Gaiás o seu proxecto creativo.
O vindeiro 28 de setembro Ourense acollerá a III Edición do Piano Meeting, unha cita que este ano apostará por achegarse a un público máis novo cun gran concerto a cargo do pianista e director do evento, Javier Otero, e do cantautor ferrolán Andrés Suárez. A Praza Maior de Ourense foi o escenario escollido para dar a coñecer a vindeira edición do Piano Meeting, que nesta terceira edición tamén apostará pola formación dos seus participantes.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES