//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se sumarán numerosas accións nos seguintes centros: Museo de Belas Artes da Coruña, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo das Peregrinacións de de Santiago, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Massó de Bueu e Museo do Castro de Viladonga (Lugo).
As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmanse aos actos para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. A situación actual xerada polo coronavirus motivou que as ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web.
Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a RAG lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día das Letras Galegas. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, moitas delas reformuladas e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en Internet. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto e de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.
A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas. No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.
O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado do seu equipo e membros do Igape, presentou a través dun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que se porá en marcha este mesmo mes de maio. No encontro achegouse información sobre as principais medidas adoptadas para a reactivación do sector cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con outros 5,6M. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova normalidade.
A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o Club das lerchiñas, sesións de contacontos en liña dirixidas ás familias e do que formarán parte seis das mellores contadoras de Galicia: María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas. O Club das lerchiñas botará a andar o vindeiro 9 de maio e contará cunha emisión en liña todos ós sábados ata o 6 de xuño. Estas seis contadoras galegas achegaranlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.
A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
As bibliotecas públicas de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas. Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos públicos é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores.
A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura. A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia. Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás.
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que se convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura. A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais teñen na construción social de Galicia, e que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar.
Son 105 actividades que teñen lugar cada fin de semana ata que remate o ano e nas que os peregrinos poden interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais e que conta cun importante potencial de crecemento. Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé, iniciativas gastronómicas, e obradoiros para nenos e adultos nos que transmitir os valores xacobeos.
A xenial bailaora e coreógrafa Sara Baras é a aposta da programación cultural do Concello de Ourense para esta semana. O sábado, 7 de decembro, ás 21.00 h subirá ao escenario do Auditorio para presentar Sombras, o espectáculo co que vén de triunfar en cidades como Nova York, Londres, París ou Barcelona. A artista gaditana leva máis de 30 anos sobre os escenarios, acadando éxito tras éxito a nivel internacional e reunindo millóns de espectadores.
O discurso expositivo desta mostra, que representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos de Luís Seoane, está dividido en catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico. O primeiro deles está dedicado á muller galega, o segundo á natureza e á paisaxe, o terceiro á guerra e a denuncia social e o último céntrase nos mitos, tradicións e lendas con referencias a fantasías ou contos populares.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta unha nova proposta musical na súa sede da Coruña. Nesta ocasión os instrumentos de vento serán os protagonistas no ciclo de concertos denominado «Cataventos» no que participarán o cuarteto de trompas Catrocores (5 de decembro), o quinteto Zoar Ensemble (12 de decembro) e o grupo Hércules Brass (19 de decembro).
O compositor chileno Álvaro Núñez Carballunca é o gañador do XIII Premio Andrés Gaos de composición musical, convocado pola Deputación da Coruña, coa súa obra "Vía". O xurado decidiu tamén nomear finalista a obra Impresiones presentada polo madrileño Mario Carro Gigosos.
Da composición gañadora, da autoría de Álvaro Núñez Carballunca, o xurado destaca que "é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi contemporánea que introduce o mundo dos silencios".
O libro presenta unha biografía do prezado autor cun amplo álbum fotográfico destinado especialmente a dar a coñecer a figura de Neira Vilas ás novas xeracións. Pero ademais, a publicación incorpora un código para acceder a un dos títulos máis destacados do autor, Contos vellos para para rapaces novos, en formato audiolibro. Unha boa forma de achegarse a unha obra na que Neira Vilas recompilou algúns dos contos máis destacados da tradición oral dos cinco continentes.
Este 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e tamén se celebra un novo recital do ciclo POETAS DI(N)VERSOS, a programación poética da que trae a Coruña o mellor da poesía galega e do mundo. No Auditorio do Centro Ágora, esta nova lectura pública de poemas reunirá dúas sensibles poéticas formuladas dende o xénero masculino.
A cidade de Ourense converterase un ano máis en referente da danza contemporánea coa 4º edición de SóloDOS en Danza. O certame desenvolverase o xoves 21 até o sábado 23 de novembro, cunha chea de actividades que lle achegarán a danza contemporánea a todo tipo de públicos. Esta edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Valencia, Santander, Zaragoza, Granada, Costa Rica, Ucraína, Chile, Ecuador e Arxentina entre outros.
O festival Cineuropa entra na súa terceira semana, na que acollerá a chegada á pantalla grande de dúas agardadas longametraxes galegas, 'Longa Noite' e 'Eroski Paraíso'. O festival abrirá espazos de diálogo en torno ao cinema con mesas redondas que achegarán a obra do director underground Jonas Mekas; a realidade dos festivais de cinema e o traballo que se fai dende a dirección de fotografía.
O sábado 23 de novembro terá lugar a IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, que se vai celebrar no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 -como chegar-), na Coruña. As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.