
Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de obrigado confinamento pola crise do Covid-19. Neste caso en concreto, procúrase fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola lectura e pola narración oral.
Seis recoñecidas e premiadas contadoras
Precisamente, o Club das lerchiñas arranca coa sesión de María Lado & Lucía Aldao, dúas escritoras cunha ampla bagaxe en espectáculos baseados na narración oral e tamén para a cativada, que adaptan a contanconto a súa coñecida historia de Po e Xía. Seguiralle ao sábado seguinte, o 16 de maio, Bea Campos cunha versión do conto tradicional A princesa e o chícharo. A actriz, narradora e directora teatral ten no seu haber o Premio de Interpretación Marta Sieiro, forma parte da compañía Migallas Teatro e participa na cale de difusión de literatura infantil Kalandraka TV.
O sábado 23 de maio, Andrea Bayer estará acompañada polo monicreque Roque para facer chegar en liña desde a súa casa unha historia propia. Coñecida como contadora é tamén actriz, guionista e directora de teatro. Noemada aos Premios Max 2013, recibiu varios premios como o de Mellor espectáculo infantil na Feria Ciudad Rodrigo e o Barriga Verde 2014.
A seguinte sesión do Club das lerchiñas terá como protagonista o 30 de maio a Paula Carballeira e a súa historia Un conto con miga e codia. Membro de Berrobambán ten levado a cabo producións infantís tanto na súa compañía, como no Centro Dramático Galego.
Pechará o Club das lerchiñas o sábado 6 de xuño a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo, ademais de ter recibido recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez de creación literaria ou o galardón do Mellor Libro Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.