Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Ricardo Carvalho Calero residiu en Ferrol apenas 29 dos seus 80 anos de vida, en tres etapas. Os longos espazos de tempo lonxe da súa patria nativa debéronse aos seus estudos universitarios, á expatriación involuntaria a conta da sublevación militar de 1936, á guerra subseguinte, á estadía no cárcere como preso político e, desde 1950, á docencia en Lugo e en Compostela. Concibido en principio como separata da Revista Ferrol-Análisis, o volume aborda o Ricardo Carvalho Calero máis ferrolán e é obra dos ferrolterrás de orixe ou adopción Antonio Blanco Carballo, Esperanza Piñeiro de San Miguel, Bernardo Máiz Vázquez (coordinador), Delia Vázquez, Xosé Mª Dobarro Paz, Ramón Loureiro, Jose-Martinho Montero Santalha, Xaime Bello Costa e Elvira Roiz Mesías.
O espectáculo Os nenos da varíola, da compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), estréase este venres 28 no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o domingo 1 de marzo. A novela homónima de María Solar cobra así vida sobre as táboas, recuperando para os espectadores as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña. A compañía colabora con esta proposta escénica tanto a través do seu programa de coproducións como do de residencia, no marco do que o equipo de Os nenos da varíola conta tamén co apoio e as instalacións do CDG.
Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a mostra exhibe unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan as diferentes etapas da obra de Torres. Ademais de pezas procedentes de diversas coleccións, tanto públicas como privadas, preséntase tamén unha serie de obras orixinais directamente relacionadas con Galicia e aquí realizadas, como a serie fotográfica Tipo I (en la escala de Kardashov), que aborda a memoria do volframio e a Segunda Guerra Mundial ou pezas relacionadas con accións que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais.
O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros, dirixidas a pór en valor o legado de Carvalho Calero e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.
O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral.
A presentación da edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer de su casa' de Concepción Arenal reuniu a Carmen Blanco, prologuista da obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en Compostela. La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.
Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini (ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger), o día 27 de febreiro; e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti (ópera bufa en dous actos que presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido), que chegará o día 13 de marzo.
| 71,8  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. O Simposio ILG 2019 ‘Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional’ busca amosar algúns dos resultados obtidos durante o desenvolvemento do proxecto ‘Patrimonio léxico da Gallaecia’, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD.
Este domingo vai presentar o seu novo traballo discográfico ‘Cántigas e Frores 70 Anos’, un libro-cd con 15 pezas gravadas polos grupos da entidade: Cantareiros, Murga, Coro Galego, Grupo de Cantareiras e Banda de Gaitas e Percusión. Este audio ven acompañado dun libreto que recolle a historia en imaxes dende a fundación da entidade (1948) ata a gravación.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia reforza con tecnoloxía complementaria os seus sistemas de seguridade ante o valor dalgunhas obras de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21. A mostra, que se inaugura o vindeiro 14 de novembro, exhibirá pezas consideradas xoias do patrimonio universal, como o Mapa de Sawley, a Biblia Kennicott, os códices calixtinos do Vaticano e de Salamanca ou o Cancioneiro da Vaticana.
O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas, acaba de ser recoñecido este martes co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Ensaio 2019, pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. A obra galardoada aborda unha xenealoxía histórica dos diversos discursos nacionalistas españois na Idade contemporánea, sen esquecer os seus precedentes.
Ao ser o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lucense de Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, van celebrar o próximo trinta e un de outubro, nas vísperas das dúas festividades de “Todos os Santos e de Todos os Defuntos” un acto en Paradela de reafirmación do uso do idioma galego.
A Fundación Artesanía de Galicia organiza as segundas Xornadas Profesionais Artesanía no Prato. As xornadas consolídanse nesta segunda edición como un evento de referencia para a promoción e comercialización do produto artesanal galego, fomentando un espazo creativo no que se desenvolverán experiencias que evidenciarán o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería e a restauración.
En novedosa formación de bandurria e piano, actuará Julia María Dopico Vale coa formación Rosas, acompañadas pola profesora Isabel Romero, interpretando música de bandas sonoras de coñecidas películas.
Considera a illa como lugar fundamental da memoria histórica de Galicia polo seu papel na Guerra e na Postguerra como campo de prisioneiros, e esixe que se preserve San Simón como lugar de homenaxe e recordo, impedindo a aldraxe á nosa memoria e ridiculización da dor das víctimas do franquismo.
O venres 23 de outubro, ás sete da tarde no salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34), celebrarase a Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria, títulos concedidos a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana, e o sábado, a partir das dez horas e no salón de actos do edificio da Deputación de Lugo, desenvolverase a XII Xornada de Literatura Oral co tema «Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú».
Neste fin de semana remata a XII Mostra de Teatro Amador "Terras do Orcellón" 2019 coa representación de dúas comedias. O sábado 26, a Agrupación Teatral Mariñán de Betanzos presentará INSANIA, unha inquietante comedia de humor negro, sorprendente pola sinxela posta en escena e o traballado papel dos seus actores / actrices. Mensaxe "subliminal" para profesores con síndrome de tensión!!!


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES