Notas de prensa

Lugo, 'Capital Galega da Literatura de Tradición Oral' a fin de semana do 25 e 26 de outubro

O venres 23 de outubro, ás sete da tarde no salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34), celebrarase a Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria, títulos concedidos a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana, e o sábado, a partir das dez horas e no salón de actos do edificio da Deputación de Lugo, desenvolverase a XII Xornada de Literatura Oral co tema «Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú».

Ambas actividades organizadas pola AELG, coa colaboración respectivamente das áreas de Cultura do Concello e da Deputación, insisten na idea de que Lugo é cidade liberada de prexuízos e reivindica a oralidade como cerna do noso ser cultural.

Distinción de Mestra para a musicóloga suíza, Dorothé Schubart, quen, logo de pasar cinco anos, entre 1978 e 1982, percorrendo Galicia cunha gravadora, deixounos en herdanza a mellor sistematización e transcrición, coa axuda de Antón Santamarina, do corpus das músicas de raíz do noso país, esforzo que se reflicte nos sete tomos publicados pola Fundación Barrié en 1984 baixo o título Cancioneiro Popular Galego. O título de Mestre concedéuselle ao músico, investigador, divulgador e editor, Pablo Quintana, un asturiano afincado desde mozo en Galicia, temporalmente en Lugo, que, ademais de editar O cego andante en 1982, salvou da desmemoria do noso inmaterial, entre outros méritos, as coplas do cego Florencio da Fontaneira e as músicas da pandereteira Eva Castiñeira. Xusto e necesario recoñecemento a dous imprescindibles na historia e transmisión da música tradicional.

O sábado dedicamos a xornada ás letras vinculadas á música popular. Un simposio no que van intervir, por esta orde, José Luis Forneiro, profesor da USC e un dos grandes especialistas no romanceiro galego e ibérico, e Dorothé Schubart, que levará á palestra a relación entre texto e melodía, amais dalgunhas descubertas feitas por ela no traballo realizado entre nós hai xa 40 anos. Ambos partillarán en mesa redonda aberta sobre rimas e melodías.

A sesión da tarde ábrea Xurxo Souto, recoñecido estes días en Láncara co premio Facer País, que nos levará da romaría á festa e da movida ao bravú, un movemento este na música popular galega que botou a andar da década dos 90 con grupos como Os Resentidos ou Os Diplomáticos de Monte-Alto. E rematarán os relatorios, que non a xornada, coa intervención da lucense Branca Villares, profesora da Tradescola que ademais imparte clases de baile, canto e pandeira por centros escolares e a diversos colectivos de toda a provincia; falaranos da pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa.

E tras a mesa aberta que compartirán Xurxo e Branca, cerrarase a xornada cunha sesión práctica a cargo, precisamente, do profesorado e alumnado da Tradescola de Lugo, un centro de formación de prestixio recoñecido polo respecto que guía o seu labor docente na transmisión de materias como a gaita, requinta, zanfona, acordeón, pandeireta, linguaxe musical ou canto.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), 2019-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Foto de la tercera plana (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.

Notas

A exposición 'Outro e sobre si', do artista Andrés Rodís, abriu as súas portas ao público no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A mostra é o resultado da I Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa da USC e a Xunta e que naceu en 2025 para tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. 'Outro e sobre si' poderá visitarse de balde no Gaiás ata xaneiro de 2027.
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES