//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi inaugurada na Biblioteca de Galicia unha exposición no marco da conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. A Xunta de Galicia vén impulsando durante este ano esta efeméride con diversos actos, congresos, actividades de formación ou mostras como a que está aberta no Gaiás ata xaneiro de 2022. 'Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán', comisariada por Charo Crespo, pretende amosar a obra máis significativa da intelectual coruñesa e dar a coñecer algúns dos espazos nos que viviu e escribiu grazas aos fondos bibliográficos da Cidade da Cultura e ás copias dixitais de manuscritos e fotografías do Arquivo da RAG.
Dicionario da nova literatura galega comezou a fraguarse a finais da década dos anos 60 do século pasado a través dunha enquisa que o profesor Xesús Alonso Montero distribuíu entre persoas do mundo literario galego que non tivesen obra publicada antes de 1936. En total, 86 persoas responderon aquelas preguntas ideadas por Alonso Montero que permiten coñecer multitude de datos biográficos e, ao tempo, deseñan as preocupacións e expectativas dun tempo moi concreto da nosa historia literaria e cultural. Este singular dicionario posibilita preguntarse que cambiou na cultura galega nestes últimos 50 anos e engade, ademais, unha rica e valiosa documentación bibliográfica e epistolar, alén doutros documentos de interese para reconstruír percorridos biográficos e literarios concretos.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura unha xornada técnica que, baixo o título Panorama actual das bibliotecas autonómicas, reúne no Gaiás durante dous días a representantes da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte, ademais de responsables dos sistemas centrais de institucións bibliotecarias a nivel territorial de 16 comunidades e de Ceuta. Trátase dun encontro que se celebra por primeira vez en Galicia e no que se analiza o futuro destes centros.
A parte da programación que conforma a Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancará os días 21 e 22 de xaneiro con catro funcións de Moria, a exitosa produción de teatro documental arredor dos campos de refuxiados a cargo da compañía canaria Unahoramenos Producciones. Continuará o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril coa estrea absoluta de O porco de pé, a obra de Vicente Risco levada a escena por Producións Teatrais Excéntricas, con dramaturxia de Quico Cadaval e Pepe Sendón, e con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo na interpretación.
A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Xunta de Galicia dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do Nadal no Gaiás. Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos.
Galicia conmemorará en 2022 o Ano Laxeiro cunha extensa programación que afondará no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra e unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación da programación especial, xunto ao alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e os seus homólogos da Coruña, Julio E. Abalde, e Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este martes o convenio de colaboración polo que as tres universidades galegas crean o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A sinatura tivo lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura que será a sede principal deste centro interuniversitario, se ben tamén poderá contar con outros espazos nos campus galegos nos que estea situado o persoal investigador a el vencellado.
O calendario de estreas do programa de coproducións de danza que desenvolve o Centro Coreográfico Galego entra na súa recta final con tres citas esta semana. O venres terán lugar as primeiras funcións de Nova Galega de Danza co espectáculo Credo nas Pontes de García Rodríguez e de Colectivo Glovo con Tabú en Lugo, mentres que Javier Martín exhibirá este sábado en Oleiros Figuras do limiar, na que será a súa presentación en Galicia tras ver a luz o pasado 12 de novembro no Teatro El Musical de Valencia. Ademais, o 22 de decembro subirá a escena na Coruña a peza Nó, da compañía Elahood, coa que se completarán as estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego.
Musicada por Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, a obra estrearase o 9 de decembro para os aboados do Auditorio de Galicia e terá outra sesión aberta ao público xeral o día 10. Tamén se poderá seguir o día 9 en streaming pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia. Dirixida polo director titular e artístico da Filharmonía, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira que fai de personaxe muda.
A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
'Sin piel' é o título da exposición na que a artista Marina Núñez presenta preto de medio cento de obras, tanto pictóricas como videocreacións, que afondan nas relacións do ser humano tanto co medio ambiente como coa tecnoloxía, mostra coa que nestes días a sala Kubo Kutxa de San Sebastián abría a súa programación de 2021. Comisariada pola historiadora da arte Susana Blas, a exposición alude no seu título á 'eliminación da fronteira que nos illa do exterior: a pel'.
Tivo lugar a reunión do Padroado da Fundación MARCO que fixo balance de 2020 e aprobou a programación de exposicións previstas para 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. A Dirección do Museo fixo énfase na necesidade de continuar a liña de traballo iniciada a finais de 2019, mantendo activa a programación e dando prioridade ás necesarias tarefas de mantemento do edificio e da súa infraestrutura.
A versión en galego da obra orixinal de Santiago Cortegoso O charco de Ulises, realizada para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), constitúe o sexto número da colección editorial O Papel do Teatro, coa que se lle dá difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega. A publicación, promovida en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e a editorial compostelá Positivas, preséntase nun formato de peto de 100 páxinas.
A longametraxe documental Nación dirixida por Margarita Ledo, acaba de recibir o distintivo de película Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero do Ministerio de Cultura e Deporte. Nación reivindica a loita obreira dende o punto de vista das mulleres, tendo en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación á forza de traballo, en tempos convulsos para o sector fabril a través das enérxicas mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.
Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, a programación de proxeccións de documentais da iniciativa Docs del mes pasa no campus de Ourense a ser exclusivamente virtual. As persoas interesadas poderán solicitar de balde o acceso a cada sesión deste ciclo de cinema documental coordinado pola compañía Parallel 40, que programa cada ano o visionado de dez filmes en máis de 70 cidades españolas.
Dende o pasado outubro continúa adiante o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS do Concello da Coruña: a cita mensual coa mellor poesía de Galicia e de fóra dela que desenvolve ao longo de todo este curso a súa 12ª edición. Encarando agora o seu trimestre invernal, a coidada programación poética reúne no Auditorio do Centro Ágora tres novos poetas galegos de recoñecido prestixio a carón de autores nacidos no Reino Unido, en Cuba e mais en Portugal.
Explicar a relación entre literatura e os espazos, e definir a relación entre literatura e actitudes, son dous dos cometidos de A vila imaxinada, o novo proxecto publicado pola Asociación de Escitoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) destinado ao estudantado galego para o seu uso nas aulas, que conta co respaldo da Deputación da Coruña.
Unha serie de lenzos, que a través do uso de pinturas fluorescentes, mudan o seu aspecto ao pasar a ser iluminados con luz ultravioleta, conforman, xunto cunha proxección audiovisual, a mostra que o artista José Manuel García, Elohim, presenta nestes días na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus de Vigo. 'La Era de Acuario, el ascenso a la quinta dimensión o salto cuántico' é o título desta mostra pictórica, que poderá visitarse ata finais de xaneiro.
A Obra Social de ABANCA entregou este mediodía o seu XLI Premio Afundación de Periodismo Julio Camba a Luís Pousa polo seu artigo «En Madrid llueve mal», publicado en La Voz de Galicia. O fallo do xurado deuse a coñecer nun acto celebrado no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela, cun número de asistentes reducido en consonancia coas medidas de seguridade sanitaria vixentes, e retransmitido en directo a través de Afundación TV.
A obra de 11 artistas novos, que reflexionan sobre o cóncavo e o convexo e sobre os distintos espazos habitables como algo que pode ser real ou ficticio, reúnese desde este luns no Espacio Matrioska da Universidade de Vigo, nunha exposición colectiva comisariada polas estudantes de intercambio Carla Gasparrini e Lorena Sosa, no marco dun traballo académico para unha materia do grao en Belas Artes.