
María López Sández, Antonio Manuel Fraga, Andrea Barreira Freije e Roi Vidal Ponte son as/os autoras/es das catro unidades didácticas co seu correspondente vídeo que pretende ofrecer á rapazada outra porta de entrada á literatura. As catro unidades xa están dispoñíbeis na web da AELG.
Pensadas para o seu uso na aula e axustadas a un tempo de 50 minutos, as catro unidades buscan xeitos alternativos de aproximar a literatura ás lectoras e lectores novos, convidando o estudantado a achegarse a ela desde os espazos nos que habita a rapazada e utilizando como referencias aspectos actuais. A colección inicial chega da man de María López Sández, cunha proposta sobre a importancia dos lugares na obra de Rosalía de Castro como reivindicación política e do sublime. A segunda unidade didáctica é a de Antonio Manuel Fraga, cunha proposta organizada arredor da súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco editora), sobre a necesidade da fantasía na infancia e sobre a relación entre a visión de criaturas mitolóxicas e a catalogación científica. A proposta de Andrea Barreira Freije está baseada no manexo da perspectiva de xénero, tanto histórica como actual, partindo da súa obra Palabra de bruxa (Editorial Galaxia). A cuarta das unidades didácticas que incorporan un vídeo de uso nas aulas é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro, desde o momento en que se estrea Os vellos non deben namorarse até agora.
Cada unha destas unidades didácticas que se converten en actividades a realizar na aula preséntase coa biografía das autoras e un vídeo para proxectar na aula, con duración aproximada de 20-25 minutos, no que as/os autoras/es explican o argumento que elixiron, as súas argumentacións principais, anécdotas relacionadas coa súa escolla e preguntas dirixidas ao alumnado. A unidade inclúe tamén dúas actividades realicionadas argumentalmente coas propostas, adaptadas ao nivel educativo en cada caso e un solucionario cando é necesario.
Como complemento, tamén se ofrece nas unidades proposta de aplicación en distintos niveis educativos, as distintas materias ou días específicos de conmemoracións do calendario docente, que poden ser utilizados a xeito de guía polo profesorado. As catro propostas didácticas poden descargarse na web da AELG, (https://www.aelg.gal/espazo-didactico/unidades-didacticas/educacion-secundaria/p/1). Aos vídeos pódese acceder desde as propias unidades didácticas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).