
Ao longo da súa traxectoria, as súas inquietudes artísticas lévana máis aló dos circuítos tradicionais do flamenco, colaborando con orquestras e músicos de todo o mundo.
A Sinfónica de Galicia estará conducida nesta ocasión por José Trigueros, percusionista primeiro e director asociado da orquestra. O programa elixido inclúe a obra El corregidor y la molinera de Manuel de Falla e unha escolma de cancións antigas españolas harmonizadas por Federico García Lorca. Ambos compartiron amizade e colaboraron xuntos en varias ocasións, ademais de ser dous dos compositores cos que Marina Heredia ten acadado maior recoñecemento a nivel internacional. José Trigueros é responsable da orquestración das cancións partindo da partitura para piano e canto que deixou o poeta granadino.
A actuación dará comezo ás 19 horas no Museo Centro Gaiás, logo do acendido da iluminación e da decoración de Nadal que este ano transformará o museo nun Marabilloso Camiño de Inverno ideado pola deseñadora e escenógrafa galega Ana Inés Jabarés-Pita. A programación da Cidade da Cultura para este Nadal complétase con teatro, obradoiros e espectáculos de maxia e circo, todas elas actividades pensadas para gozar destas datas en familia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.