//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os máis pequenos e pequenas cunha nova edición do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que mañá arranca na Cidade da Cultura de Galicia, podendo verse tamén, por vez primeira, a través da rede. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá no Gaiás a programación e novidades desta quinta edición de Pequefilmes, acompañada do director do festival, Jorge Rivero, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura bota a andar hoxe as visitas didácticas a través de videoconferencias para explicar e dar a coñecer a exposición As miradas de Isaac aos centros escolares. Neste intre, xa están inscritos preto de 30 colexios. No entanto, a previsión é que, a través da 70 emisións en liña programadas ata o 26 de marzo, sexan máis de 2.000 rapaces e rapazas os que poidan afondar sen necesidade de saír da aula na vida e proxectos dunha figura tan importante para a historia da cultura galega do século XX como foi Díaz Pardo.
O Salón Teatro retoma mañá O charco de Ulises, espectáculo de produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta de Galicia, que ofrecerá ata este domingo sete novas representacións da montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, algunhas delas especialmente dirixidas a persoas con diversidade funcional, como a denominada descontraída de mañá mércores ás 20,00 h., ou a inclusiva programada para o día 24 ás 17,30 h. O CDG reforza deste xeito o seu como teatro público facilitándolles o acceso aos seus espectáculos a colectivos ou persoas que precisan de tratamentos e atencións especiais para gozar do teatro.
A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais e eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou esta mañá o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto de distribución de espectáculos, ofrece para este primeiro semestre de 2021 unha intensa actividade escénica e musical con 334 actuacións de 114 compañías programadas en 45 escenarios de 40 concellos galegos e unha inversión total en contratacións que supera o millón de euros. Así o declarou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación realizada para dar conta da carteleira concreta de Ames, un dos municipios adheridos a esta rede cultural, á que achega de xaneiro a xuño 13 funcións e concertos a cargo de 12 agrupacións artísticas galegas.
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves 14 de xaneiro a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas converténdose, dixo, na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal.
Un total de 56 centros escolares (22 da Coruña, sete de Lugo, sete de Ourense e 10 de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica. O departamento educativo destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa.
A Cidade da Cultura convida as familias durante o Nadal a gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk contando con visitas comentadas gratuítas e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.
Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.
A Cidade da Cultura pon en marcha a 'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila pontevedresa do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro. A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas das súas datas habituais.
O vindeiro 9 de xuño celebrarase o Día dos Arquivos, cun amplo abano de actividades que se realizará ao longo de toda a semana e que inclúe mostras dixitais, publicacións, microhistorias ou divulgación de contidos. A maioría destas iniciativas serán virtuais, dixitais e multimedia, quedando limitadas as actividades presenciais ao ter en conta a actual crise sanitaria e o proceso de desescalada no que nos atopamos. O epicentro das actividades desta efeméride estará nos arquivos.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera o venres a actividade escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto profesional de distribución de espectáculos que impulsa e cofinancia en escenarios de 40 concellos galegos. A representación ás 18,00 h. no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a patir do día 19.
O director xeral de Políticas Culturais conduciu a cuarta sesión dos Foros #aculturasegue, 'Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19'. Esta nova cita estivo centrada nos desafíos aos que se enfronta o sector do libro no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos de eventos como feiras ou presentacións, o parón no lanzamento de novidades editoriais, ou os novos desafíos do libro dixital.
A Cidade da Cultura pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas, ciclo de contacontos en liña da campaña de lecer e formación #aculturasegue dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira. O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio.
O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitaron hoxe a mostra Blanquísima su presencia, do pintor, debuxante, escultor e serígrafo Nelson Villalobos, instalada no Museo do Mar de Galicia. A exposición que permanecerá aberta ao público desde mañá e ata o 29 de xuño, conta con 62 obras do artista, pertencente á chamada Xeración dos 80 en Cuba.
Os retos do sector musical no contexto actual, e concretamente no eido da música clásica, será o tema a tratar nun novo encontro virtual dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19. A sesión, que terá lugar este venres 29 de maio, contará coa participación do ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte.
O concello de Ortigueira centra nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento. Reforzará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período online de votación, no que cada persoa poderá elixir aos seus artistas favoritos ata o 8 de xullo. En 2021 serán seis as bandas finalistas, as tres deste 2020 e as tres que se elixan na seguinte edición, e o festival ampliarase unha xornada máis, pasando de catro a cinco días e creándose o Día Runas.