Notas de prensa

'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento virtual de maxia impartido por Pedro Volta

A Cidade da Cultura pon en marcha a 'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.

A Escoliña de Merlíns e Morganas enxírese dentro da campaña #aculturasegue da Xunta de Galicia para ofrecer contidos de calidade e de lecer adaptados as medidas sanitarias poscovid-19. Precisamente, e tendo en conta esta situación, a Cidade da Cultura leva ofrecendo unha variada programación en liña para a cativada, como os retos artísticos da Raposa Fedella, os contacontos do Club das Lerchiñas ou, a partir deste mesmo sábado, día 13, Cociñeiras ilustradas, vídeo-receitas animadas compartidas polas redes sociais para cociñar en familia.

A inscrición para este campamento de estío do Gaiás --que toma relevo ao presencial do verán de Unha noite no Bosque-- está xa aberta en Ataquilla.com e na páxina web da Cidade da Cultura --cidadedacultura.gal-- cun prezo de 15 euros por semana, máis gastos de xestión.
Ilusionistas internacionais, material de maxia e 'Reto Viaqua'

O ilusionista galego --creador do exitoso 'Galicia Magic Fest' e colaborador de programas televisivos como 'El Hormiguero' ou '1,2,3, Hipnotízame'-- ofreceralles aos rapaces e ás rapazas un amplo e variado repertorio de trucos de maxia con cartas, con moedas, con cordas, onde tamén haberá espazo para a globoflexia e as sombras chinesas. Para todo isto, contará coa axuda de magos internacionais, cos que contactará en liña nas aulas virtuais. Ademais, todos os inscritos recibirán material nas súas casas para facilitarlles a súa formación e a execución dos trucos.

O campamento de maxia tamén será unha aula de aprendizaxe medioambiental, xa que o ilusionista galego proporá cada día o Reto Viaqua --en referencia a entidade patrocinadora da Escoliña de Merlíns e Morganas-- no que a auga será elemento principal.

Trátase dun xeito divertido e didáctico para que os máis pequenos e pequenas asuman e interioricen mensaxes de concienciación ambiental e se corresponsabilicen co aproveitamento dos recursos naturais, sobre todo da auga.
Un dos magos galegos máis internacionais

Pedro Volta é un dos ilusionistas galegos más recoñecidos. O seu currículo profesional inclúe unha xira por trinta cidades da China como director artístico do espectáculo Hangar 52 do prestixioso mago Yunke. É asesor máxico e creativo para este mesmo ilusionista en 'El Hormiguero' de Antena 3 Televisión. Foi guionista de accións do programa de Antena 3 Televisión '1,2,3 Hipnotízame'.

Traballou no Kennedy Center de Washington e en varios teatros de Maryland e Virxinia (EUA), contratado pola Embaixada Española. Tamén colaborou co Instituto Cervantes para promocionar o español a través do seu espectáculo de maxia en Sydney e Camberra (Australia).

Cidade da Cultura de Galicia, 2020-06-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES