Notas de prensa

A 37ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas exhibirá 16 espectáculos do 9 ao 18 de xullo

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila pontevedresa do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro. A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas das súas datas habituais.

Potenciarase o programa de rúa e adaptaranse espazos e protocolos requiridos no actual contexto de crise sanitaria pola covid-19. Así o explicou esta mañá no Auditorio Municipal de Cangas o equipo artístico e de xestión responsable do evento, nun acto no que participaron todas as institucións colaboradoras, entre elas a Xunta de Galicia, que estivo representada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, o director da Agadic valorou que unha actividade tan consolidada e de tan longa traxectoria como a Mostra de Cangas manteña a súa celebración e recoñeceulles aos profesionais galegos da cultura o seu compromiso e a súa capacidade. Felicitou tamén os organizadores do encontro por levar adiante unha nova edición “sen perder os trazos de identidade e de peso que este festival lle achega ao noso sistema teatral: calidade artística, defensa do teatro galego, miradas a propostas doutras procedencias, organización público-privada, implicación cidadá, apartados de formación e de creación, dinamización da economía local, ou compromiso social e coa igualdade en todos os ámbitos”.

Estreas galegas

A 37ª Mostra de Cangas contará con 10 espectáculos galegos, tres deles estreas absolutas: O Monte das Aras, a cargo de Teatro de Ningures; Hell Brothers, por CirKompacto; PYKA, por Cinema Sticado, e As boas actrices, pola compañía 3 (Clara Gayo, Mónica Camaño e Arantxa Villar). A estas propostas súmanse Commedia, de Contraproducións; Guerra de identidade, de DeuVe; Liberto, de Rebordelos Teatro; Só, de Xanpatito Pato; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste.

Completan a carteleira Napoleão, da lusa Companhia do Chapitô; Dolce Salato, da italiana Carpa Diem; a coprodución galego-brasileira Circo de Lume, de Asasocirco; a italo-cántabra Punto y Coma, de El Cruce; a madrileña The Pimitals, de Producciones Yllana e Primital Bross, e a vasca Tonbola, a cargo de HIKA Teatroa.

A programación inclúe o IV Torneo de Dramaturxia, actividade na que colabora o Centro Dramático Galego e na que competirán María Lado, Roberto Salgueiro, Marta Pérez e Fernando Castro Paredes, con Esther F. Carrodeguas como condutora.

Contexto poscovid

A edición deste ano, que achegará novas localizacións ao aire libre para facilitar a distancia social, mantén a xornada Mulleres en Acción, que chega á súa vixésima entrega co título Fenda laboral das profesionais das artes escénicas e audiovisuais. Antes e despois da pandemia, así como diferentes actividades divulgativas, talleres, presentacións de libros, coloquios e exposicións. O contexto poscovid tamén centrará o encontro de teatro Nova Realidade, para abordar as consecuencias que nesta arte está a ter a crise sanitaria actual.

O pregón inaugural correrá a cargo de Paula Carballeira e os dous galardóns que se outorgan serán para Quico Cadaval (XXXIV Premio Xiria ao Labor Teatral) e para Mercedes Oliveira (Premio Mulleres en Acción).

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, 2020-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES