//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura bota a andar hoxe as visitas didácticas a través de videoconferencias para explicar e dar a coñecer a exposición As miradas de Isaac aos centros escolares. Neste intre, xa están inscritos preto de 30 colexios. No entanto, a previsión é que, a través da 70 emisións en liña programadas ata o 26 de marzo, sexan máis de 2.000 rapaces e rapazas os que poidan afondar sen necesidade de saír da aula na vida e proxectos dunha figura tan importante para a historia da cultura galega do século XX como foi Díaz Pardo.
O Salón Teatro retoma mañá O charco de Ulises, espectáculo de produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta de Galicia, que ofrecerá ata este domingo sete novas representacións da montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, algunhas delas especialmente dirixidas a persoas con diversidade funcional, como a denominada descontraída de mañá mércores ás 20,00 h., ou a inclusiva programada para o día 24 ás 17,30 h. O CDG reforza deste xeito o seu como teatro público facilitándolles o acceso aos seus espectáculos a colectivos ou persoas que precisan de tratamentos e atencións especiais para gozar do teatro.
A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais e eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou esta mañá o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto de distribución de espectáculos, ofrece para este primeiro semestre de 2021 unha intensa actividade escénica e musical con 334 actuacións de 114 compañías programadas en 45 escenarios de 40 concellos galegos e unha inversión total en contratacións que supera o millón de euros. Así o declarou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación realizada para dar conta da carteleira concreta de Ames, un dos municipios adheridos a esta rede cultural, á que achega de xaneiro a xuño 13 funcións e concertos a cargo de 12 agrupacións artísticas galegas.
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves 14 de xaneiro a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas converténdose, dixo, na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal.
Un total de 56 centros escolares (22 da Coruña, sete de Lugo, sete de Ourense e 10 de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica. O departamento educativo destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa.
A Cidade da Cultura convida as familias durante o Nadal a gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk contando con visitas comentadas gratuítas e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.
Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.
Esta mostra pode visitarse desde hoxe ata o 25 de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta mostra, onde destacou a importancia desta iniciativa para reforzar os nosos vínculos co país veciño. Neste sentido explicou que o programa Nortear, no que se enmarca a exposición e participa de forma activa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, supón unha oportunidade única para o intercambio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal arredor de todas as manifestacións artísticas.
A programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, adáptase á nova normalidade xurdida logo da pandemia causada pola COVID-19 da man de Na Bocanoite, unha proposta que fusiona as visitas guiadas e musicadas das Noites na Domus e as actuacións de música ao vivo previstas inicialmente no ciclo Lubicán.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde mañá Wonder Women, a primeira exposición que bota a andar nesta instalación e en toda a cidade de Santiago de Compostela tras a crise da covid-19. A mostra, comisariada polo director do centro, Santiago Olmo, repasa os cambios producidos ao longo das últimas décadas no mundo da arte contemporánea a través de obras da colección do centro realizadas por artistas mulleres. Permanecerá aberta ata o próximo 6 de setembro.
Máis de 30 grupos de oito países e oito comunidades autónomas conforman a edición máis concorrida e tamén a máis internacional nos 20 anos de historia do concurso de novos talentos da música Celta. O interese por darse a coñecer no Festival de Ortigueira cara á celebración en 2021 creceu notablemente pese a non celebrarse o Festival este verán e as dificultades de reunión e gravación propias do confinamento, máis ao contrario; un total de 35 grupos enviaron a súa candidatura a ser un dos 3 finalistas.
Mantense aberto ata o venres 25 de xuño o prazo de inscrición na quinta edición do maratón audiovisual Findecurta, un certame impulsado desde a USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se desenvolverá do 26 ao 29 de xuño. O certame coordinado por Bruno Maez pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais en galego, tanto maiores como menores de idade, ao tempo que se busca ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo.
Afundación inaugura o museo virtual Agalería, un novo proxecto pioneiro en España, con carácter dinámico e interactivo, que ofrecerá ao visitante unha experiencia única que lle permitirá entrar non só nas obras expostas, senón no propio espazo. Agalería preséntase ante o público co proxecto expositivo 'O mar nas coleccións de Arte ABANCA e Afundación', unha mostra concibida especialmente para este museo virtual, conformada por 50 obras de 27 autores.
A Cidade da Cultura pon en marcha a 'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila pontevedresa do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro. A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas das súas datas habituais.
O vindeiro 9 de xuño celebrarase o Día dos Arquivos, cun amplo abano de actividades que se realizará ao longo de toda a semana e que inclúe mostras dixitais, publicacións, microhistorias ou divulgación de contidos. A maioría destas iniciativas serán virtuais, dixitais e multimedia, quedando limitadas as actividades presenciais ao ter en conta a actual crise sanitaria e o proceso de desescalada no que nos atopamos. O epicentro das actividades desta efeméride estará nos arquivos.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera o venres a actividade escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto profesional de distribución de espectáculos que impulsa e cofinancia en escenarios de 40 concellos galegos. A representación ás 18,00 h. no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a patir do día 19.
O director xeral de Políticas Culturais conduciu a cuarta sesión dos Foros #aculturasegue, 'Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19'. Esta nova cita estivo centrada nos desafíos aos que se enfronta o sector do libro no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos de eventos como feiras ou presentacións, o parón no lanzamento de novidades editoriais, ou os novos desafíos do libro dixital.