//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi presentado o festival de música contemporánea RESIS, que arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual. O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble.
A idea dos gabinetes de curiosidades ou 'habitacións das marabillas', unha serie de espazos nos que, a partir do Renacemento, nobres, reis ou burgueses reunían as súas coleccións, nas que as obras de arte convivían con obxectos de exóticos, constitúe un dos puntos de partida da exposición que protagoniza no CGAC Suso Fandiño. Baixo o título de Wunderkammer, termo alemán que foi o primeiro para o que en español se coñeceu como 'gabinetes de curiosidades', Fandiño reúne un conxunto de obras que propoñen 'unha serie de vías e ligazóns pouco habituais'.
O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece este domingo o concerto 'Retrato de muller' do guitarrista clásico tudense Samuel Diz. A sesión terá lugar ás 12:00, con entrada libre ata completar a cabida, e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube. Activo intérprete e investigador da música da primeira metade do século XX, o programa previsto por Samuel Diz inclúe sete pezas. A súa participación no ciclo responde a unha das principais ilusións artísticas do autor, achegar a música aos espazos museísticos desde o rigor e a coherencia co legado custodiado e tratando a música como ben patrimonial en si mesma.
A Xunta e a Fundación la Caixa inauguran este xoves 7 de abril no Museo Centro Gaiás a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 2020, que explora o intercambio e diálogo entre arte surrealista e deseño contemporáneo ao longo dos últimos 100 anos. A mostra, que abrirá as súas portas ao público ao día seguinte (venres 8 de abril), está organizada pola Fundación "la Caixa" e o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e no marco do Xacobeo 21-22.
'2 Torres, 2 Camiños' converte a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea. Pola súa banda a torre transparente condensa o enxame de camiños e rutas que levan a Santiago, materializado nun grande nobelo de fíos enleados, que representan este labirinto de pasos e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea. Ademais, na intervención soa, na voz de Beatriz Tejero, unha interpretación da peza Santa Maria, strela do dia, incluída nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII).
Foi presentada a programación das Letras Galegas 2022, un amplo abano con máis de 150 actividades dedicado á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista Florencio Delgado Gurriarán impulsado pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello de Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades, administracións locais. As actividades, nas que están implicadas a CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense irán dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida, a figura e a obra do autor de Valdeorras. Están pensadas para toda a cidadanía e desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Máis dun centenar de persoas asistiron a esta estrea que tamén se realizou, de xeito simultáneo, noutros sete centros galegos do exterior: o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Instituto Cañada Blanch-Centro Galego de Londres, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona. Este ciclo conta cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. Visualizaranse así, dende marzo a decembro, os oito filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo
A Cidade da Cultura conmemora os dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).
A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 14 títulos de distintas nacionalidades, dos que tres son galegos e os restantes de países como India, Brasil, Alemaña, Xeorxia, Perú ou Ucraína. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar unha estrea absoluta, cinco en España e dúas en Galicia. Canto á representación galega, concursan as películas Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro; O último de Arganeo, de David Vázquez Vázquez, e Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo. Estas últimas serán presentadas polos directores.
A produción literaria galega destinada ao público máis novo rexistrou en 2021 un incremento con respecto ao ano anterior, ao sumar un total de 157 publicacións de 23 editoriais. Así se anunciou hoxe na presentación do Catálogo 2022 de libros infantís e xuvenís galegos elaborado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, que recolle as publicacións galegas destinadas a este público no último ano. En total, o catálogo recolle 79 libros máis que o ano anterior e participaron nove editoriais máis que en 2021. Desde hoxe o catálogo está presente no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, un encontro no que Galicia conta cun expositor oficial propio
Despois do éxito da primeira representación, a XXIII Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, regresou este mércores ao Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria coa obra A casa da forza 2, 52-88, un texto baseado nunha creación literaria da dramaturga catalá Angélica Liddell, premiada na Bienal de Teatro de Venecia no ano 2012.
Interdisciplinario, multicultural e transnacional. Estas son as características do proxecto Narrativas das novas diásporas que analizará, durante dous anos, a literatura de fronteiras do século XXI, desde unha perspectiva innovadora, ao centrarse en dous aspectos fundamentais, que facilitan un labor comparativista: as zonas de conflito e as zonas de confort.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha, co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello das Pontes, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para os adultos maiores de 50 anos, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, no Auditorio Municipal Cine Alovi.
Mes a mes dende que botara a andar a súa 12ª edición o pasado outubro, continúa o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS. Un luns de cada mes do curso, sobre o escenario do Centro Ágora séguense a xuntar as mellores voces poéticas de Galicia e do resto do mundo mesmo con todas as medidas de seguridade anti-Covid. Compensando mediante retransmisións por streaming as restricións de capacidade, o Servizo de Bibliotecas do Concello da Coruña segue a impulsar a poesía na voz dos seus propios autores e autora.
A Aula de Teatro Universitaria de Lugo, dirixida por Carmen Conde, foi a encargada de levantar o pano da XXIII Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha edición moi agardada tras máis dun ano sen representacións en directo no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. Gardando as distancias de seguridade e con todas as butacas completas, o público puido volver a gozar das representacións en directo coa obra A Emperadora, escrita e dirixida pola propia Carmen Conde.
A Biblioteca do Seminario de Lugo organiza a exposición 'Do Camiño ao papel: O fondo xacobeo da BSL para celebrar o Día do Libro e o Ano Santo Xacobeo. A exposición repasa, a través de exemplares que van desde o máis antigo, do ano 1612, ata a actualidade, o espírito relixioso, literario e artístico da peregrinación a Santiago de Compostela no marco da historia de España e de Europa.
Visitas comentadas en liña, charlas e faladoiros sobre temas como a escrita xeroglífica ou as escavacións arqueolóxicas en Exipto a día de hoxe, obradoiros sobre papiros ou xincanas de enigmas en formato escape room compoñen un programa con opcións tanto para público adulto como para a cativada. A estas actividades súmanse as visitas guiadas que o Museo Centro Gaiás ofrece de balde.
Este verán a UVigo será sede dun congreso sobre a obra da poeta e tradutora Adília Lopes, unha das figuras máis representativas do panorama literario portugués. O encontro comezará o último día do mes de xuño e acollerá a expertas e expertos de todo o mundo que reflexionarán sobre cuestións moi presentes na creación da escritora lisboeta.
Transcorrido máis dun ano do xurdimento da pandemia da covid-19, a Universidade de Vigo retoma esta semana a súa programación cultural e faino máis comprometida que nunca coas creadoras e creadores locais e convencida de que, nestes momentos tan duros para o sector cultural, as institucións públicas deben dar un paso adiante na promoción e valorización da cultura galega.
O Colectivo Egeria pon en marcha a web maragatosdelugo.org, para dar comezo ao seu traballo en relación coa histórica familia maragata Pérez-Carro, asentada na capital lucense desde 1880. A elección desta data débese a que o luns 19 de abril, cúmprense 40 anos do falecemento de Tomás Pérez-Carro García, representante da segunda xeración desta familia, cuxos pais, Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro chegaron á capital lucense procedentes de Santa Colomba de Somoza, capital da Maragatería leonesa.