Noticias

A Cidade da Cultura inaugura nas Torres Hejduk a intervención paisaxística '2 torres, 2 camiños' arredor da espiritualidade e o simbolismo da Ruta Xacobea

'2 Torres, 2 Camiños' converte a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea. Pola súa banda a torre transparente condensa o enxame de camiños e rutas que levan a Santiago, materializado nun grande nobelo de fíos enleados, que representan este labirinto de pasos e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea. Ademais, na intervención soa, na voz de Beatriz Tejero, unha interpretación da peza Santa Maria, strela do dia, incluída nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII).

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura 2 Torres, 2 Camiños, unha intervención paisaxística que recupera o sentido máis espiritual e simbólico da ruta xacobea, entretecendo simbolicamente os diferentes camiños, ceos e galaxias coas vidas das persoas que desde fai milenios andan os mesmos pasos camiñando cara a Santiago de Compostela. Trátase dunha proposta artística de Ana Luengo, Coro Millares, Jaime Luengo, Mariano Redondo e Beatriz Tejero, un equipo multidisciplinar de arquitectas paisaxistas, historiadoras, deseñadores gráficos e industriais que entende o proxecto de paisaxe nunha dimensión cultural, e poderá visitarse ata o vindeiro 7 de agosto.

O representante da Xunta de Galicia estivo acompañado neste acto pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; por Ana Luengo e Jaime Luengo (en representación do equipo de artistas); e por Sonia Delpont, directora de Comunicación e Marketing de Viaqua. O proxecto conta co patrocinio desta entidade, ao igual que as catro anteriores intervencións paisaxísticas realizadas nas Torres Hejduk e vencelladas coas paisaxes culturais, a natureza e a concienciación ambiental: O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno Mateos; Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán; Plástico a mareas, de María José Arceo; e Betula Pendula, de Martín Toimil.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo salientou que esta intervención artística incorpore como temática transversal “as paisaxes culturais e os itinerarios históricos a través do significativo exemplo do Camiño de Santiago”. O secretario xeral quixo louvar ademais “as potencialidades das Hejduk como espazo expositivo non convencional, que esta proposta creativa espreme incrementando ao tempo o seu vencello co Camiño de Santiago”, que no seu itinerario da Vía da Prata discorre paralelo ao Gaiás na súa entrada en Compostela.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou tamén que, con este tipo de intervencións artísticas, “a Cidade da Cultura continúa a consolidar a súa liña de traballo centrada en levar a arte a espazos singulares e espazos naturais do Gaiás” sen perder de vista un obxectivo prioritario: “dar visibilidade á arte como artefacto con capacidade de provocar a reflexión, o diálogo e xogos múltiples coas persoas visitantes, que se senten interpeladas polas instalacións e as reinterpretan ao seu xeito particular”, finalizou.

O Camiño humano e o Camiño das estrelas

Pola súa banda, Ana Luengo explicou polo miúdo esta instalación que busca “condensar a esencia do Camiño de Santiago reunindo nun mesmo proxecto os conceptos de Iter Stellarum e Iter Humani”, partindo de como xa desde o século XII a Vía Láctea conducía os pasos das persoas peregrinas ata Compostela a través dunha complexa trama de camiños.

2 Torres, 2 Camiños converte así a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea. Pola súa banda a torre transparente condensa o enxame de camiños e rutas que levan a Santiago, materializado nun grande nobelo de fíos enleados, que representan este labirinto de pasos e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea. Ademais, na intervención soa, na voz de Beatriz Tejero, unha interpretación da peza Santa Maria, strela do dia, incluída nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII).

Equipo multidisciplinar

O traballo de Ana Luengo, Coro Millares, Jaime Luengo, Mariano Redondo e Beatriz Tejero abrangue, desde o estudio de paisaxismo CITEREA, proxectos de execución de parques e xardíns públicos e privados, a restauracións de xardíns históricos, ou investigacións sobre paisaxes culturais, as súas dinámicas e evolución, así como as súas dimensións económicas e sociais.

CITEREA constitúese en 1993 sobre o estudio de paisaxismo Carmen Añón, que desenvolvía o seu traballo desde 1981. Dirixida por dúas socias fundadoras (Ana Luengo Añón e Coro Millares Escobio), caracterízase pola interdisciplinariedade dun equipo que agrupa a profesionais do estudo da paisaxe, do medio ambiente, da ordenación do espazo e do deseño.

R., 2022-04-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-neboa.jpg) O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse estes días no Pazo de Amarante, en Santiago. Unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos que lles van permitir avanzar na programación relativa ao Xacobeo 2027 e que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. En concreto, a reunión serviu para debater sobre varias propostas de cara ao Ano Santo 2027, como a realización de varias exposicións ou o Congreso Internacional do Comité de Expertos que se prevé que se desenvolva nese ano. Tamén para o 2027, no mes de outubro, propúxose a participación do Comité nunha xornada en Núremberg sobre a peregrinación a Santiago.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) A Xunta de Galicia adaptará o mapa escolar á evolución demográfica para o vindeiro curso escolar, o que implica que deixarán de funcionar sete unitarias por falta de alumnos, mentres que tres permanecerán abertas a pesares de teren unicamente cinco matriculados. Pola contra, para atender á crecente demanda de matrícula, construiranse tres novos centros e realizaranse obras de ampliación noutros 18 en concellos de toda Galicia. Así pois, debido á matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este próximo curso non prestarán servizo educativo as escolas de Educación Infantil da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), de Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, 1 neno) e Romariz (Soutomaior, 3 nenos) e os colexios de Seráns (Porto do Son, 3 nenos), de Castromil (Vimianzo, 3 nenos) e de Negueira de Muñiz (4 nenos).

Notas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, atlanTTic, está a participar no proxecto europeo 3DBigDataSpace, liderado pola empresa australiana Time Machine Organisation, a principal organización internacional de cooperación en tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural, e que busca potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D sobre o patrimonio cultural europeo.
Galicia conta xa co primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica, que reúne boas prácticas, ferramentas técnicas, exemplos de proxectos sostibles e recursos orientados á acción local. Trátase do proxecto SEALabHaus, liderado pola UDC, aprobado en concorrencia competitiva e financiado no marco da primeira convocatoria do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, que impulsa o turismo e a economía azul, ademais do patrimonio natural e cultural dun mar inclusivo e sostible.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES