Noticias

Inaugúrase este xoves no Gaiás 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño' con obras de Man Ray, Chirico, Dalí ou Le Corbusier

A Xunta e a Fundación ”la Caixa” inauguran este xoves 7 de abril no Museo Centro Gaiás a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020, que explora o intercambio e diálogo entre arte surrealista e deseño contemporáneo ao longo dos últimos 100 anos. A mostra, que abrirá as súas portas ao público ao día seguinte (venres 8 de abril), está organizada pola Fundación "la Caixa" e o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e no marco do Xacobeo 21-22.

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020 trae a Compostela icónicas obras de artistas como Man Ray, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico ou Le Corbusier, e tamén de grandes nomes do deseño contemporáneo: desde Ray Eames a Ingo Maurer, Gae Aulenti ou Frederick Kiesler, entre outros moitos. As obras exhibidas proceden na súa meirande parte dos fondos do Vitra Design Museum (na localidade alemá de Weil am Rheim), pero tamén doutras coleccións internacionais como as da Fondation Le Corbusier de París, a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico de Roma, o Design Museum Den Bosch de Holanda ou a Fundación Gala-Salvador Dalí, entre outras moitas.

Estes días estanse a ultimar no Museo Centro Gaiás os traballos de montaxe desta exposición que vai poder visitarse na Cidade da Cultura ata o vindeiro 28 de agosto, con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas. Antes do seu paso polo Gaiás, foi exhibida no propio Vitra Design Museum e nos centros de Caixaforum en Barcelona, Madrid, Sevilla e Girona. Ademais, está previsto que tras a súa estadía en Compostela, se expoña no Design Museum de Londres.

Trátase da terceira grande exposición que chega ao Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa”, tras Cine e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.

R., 2022-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES