Noticias

A Cidade da Cultura celebra os 10 anos do museo cun programa de visitas especiais para descubrir ao público espazos ocultos deste edificio

A Cidade da Cultura conmemora os dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).

Esta actividade, que esixe medidas especiais de seguridade para desenvolverse e conta co patrocinio de Viaqua, organizarase en grupos dun máximo de 10 persoas e terá lugar só durante tres semanas deste ano: na Semana Santa (do 9 ao 17 de abril, coa excepción do luns 11), coincidindo cos festexos do Día dos Museos (do 18 ao 22 de maio) e na semana do 10º aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás (do 14 ao 19 de xuño).

As persoas participantes, entre outras zonas, percorrerán a estrutura que sostén este edificio de 43 metros de altura e unha superficie de 16.000 metros cadrados. Visitarán as abraiantes baixocubertas e a galería subterránea pola que acceden as obras de arte que chegan ao Museo. Achegaranse tamén a solucións técnicas singulares, propias de infraestruturas desta envergadura, como un montacargas con capacidade para 146 persoas ou para elevar un máximo de 11 toneladas (equivalente ao peso de tres coches).

Baixo a pel do Museo descubriralles ás persoas visitantes curiosidades sorprendentes, como as ilusións ópticas dalgúns elementos arquitectónicos, os segredos que agochan no seu interior os piares, a espectacular fachada de cristal onde cada peza é diferente, ou a torsión do edificio que permite protexer as obras do impacto directo da luz solar.

O ‘Gaiás secreto’

Este programa de visitas especiais ao Museo complétase co regreso dos percorridos do Gaiás secreto, unha actividade que arrancou en 2019 co obxectivo de achegar á cidadanía non só unha panorámica arquitectónica do recinto, senón tamén o funcionamento e espazos agochados. Neste ano, estas visitas guiadas volven nas fins de semana da primavera e levarán ás persoas visitantes a espazos como a galería subterránea, a sala de caldeiras ou o baixoteito da Biblioteca de Galicia. O equipo de guías da Cidade da Cultura será o encargado de explicar as claves do conxunto arquitectónico nun percorrido desde as Torres Hejduk ao Fontán (o primeiro e o último dos edificios erixidos no Monte Gaiás), pasando pola Biblioteca, o Centro de Emprendemento ou a espectacular praza Central.

Xa están dispoñibles as entradas para estas dúas modalidades de visita, que se poden retirar na billeteira do Museo Centro Gaiás ou en ataquilla.com a un prezo de 12 € para Baixo a pel do Museo e de 6 € no caso do Gaiás secreto.

Décimo aniversario do Museo

O Museo Centro Gaiás abriu as súas portas en xuño de 2012. Tras unha etapa na que se mantivo sen exposicións para permitir que os visitantes apreciasen a súa arquitectura, a exposición Gallaecia Petrea foi a primeira mostra que organizou. Agora, 10 anos despois este edificio ten organizado un total de 27 grandes exposicións, ás que continúan a sumarse novos proxectos este mesmo ano. Neste tempo, colaborou xa con institucións tan prestixiosas como o MoMA, o Rijksmuseum, o British Museum, o Victoria and Albert Museum, o Musée d’Orsay, a Galería dos Uffizi de Florencia, as Bibliotecas Vaticanas ou as universidades de Oxford e Cambridge, entre outros moitos.

Ademais de exposicións, o museo acolle espectáculos de artes escénicas como os do festival Escenas do Cambio, ten albergado eventos como o WOMEX, a feira de world music máis importante do mundo, así como concertos de recoñecidos artistas.

R., 2022-03-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo xa ofreceu xa en marzo e abril as actuacións de Andhrea & The Black Cats na Pecera de Vigo e na Pousada da Galiza Imaxinaria, de Sabela King & The Heartbreakers e The Lakazans en La Room, de Ferrol, e continuará mañá venres 22 de maio co concerto de Berlai na sala boirense. A programación seguirá o 30 de maio con Habelas Hainas, na sala Guión de Pontedeume; o 13 de xuño con Cachas & Cousins, no Club Clavicémbalo, de Lugo; o 1 de agosto con Habelas Hainas, na Arca da Noe, de Vilar de Santos; o 11 de setembro con Sacha na Horta, no Club Clavicémbalo; o 10 de outubro con Blues do País e O Sindicato da Verbena, na Arca da Noe; o 24 de outubro con The Lakazans e o 28 de novembro con Habelas Hainas, estas dúas últimas no Pub Gatos, de Melide.
Foto de la tercera plana (lobo-galicia.jpg) A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, denunciou que o Goberno central está a comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras coa súa postura sobre a protección do lobo. Durante unha visita que realizou en Vilalba a unha explotación gandeira en extensivo que sufriu varios ataques de lobo, a conselleira explicou que o sector gandeiro está a sufrir as consecuencias do empeño do Ministerio para a Transición Ecolóxica en que o estado de conservación desta especie sexa desfavorable.

Notas

O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES