Buscador
Noticias
A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana dúas do ano, que rematou o 11 deste mes, no que se sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente. Respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 4 % e fica en 72,7 consultas por 100.000 habitantes. Con todo, só se observou unha diminución da taxa de consultas no grupo de 20 a 59 anos, do 7,8 %. No caso do grupo de 5 a 19 anos rexistrouse unha suba do 13,9 %. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos, con 99,3 consultas por 100.000 habitantes.
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a súa taxa de positividade e superou o 8 % na semana 2 do ano (do 5 ao 11 de xaneiro), segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un descenso na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos, en concreto, diminuíu nun 18,2 % con respecto á semana previa. En canto a hospitalizacións, rexistráronse dous ingresos na última semana na cohorte de nados entre abril e setembro de 2025 e unha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios arranca a súa actividade anual cun primeiro semestre de programación durante o que ofrecerá 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. O circuíto autonómico conta cun orzamento de preto de 1,29 millóns para a contratación das 102 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma a esta carteleira. Destacan nela sete agardadas estreas da temporada escénica galega, unha maior presenza da música en directo, que protagoniza 23 das actuacións, e a incorporación de Outes (A Coruña) como novo concello da Rede, no marco da que a súa Casa da Cultura acollerá no mes de febreiro os espectáculos Cirkote, de Kote Malabar; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde do 30 de decembro de 2025 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, as persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a súa causa. Con estas novas 158 incorporacións, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.773, sendo 740 mulleres (42%) e 1.033 homes (58%). Entre os deportistas recoñecidos destacan o loitador José Cuba, 20 veces campión de España; o xogador de balonmán David Faílde, subcampión do Mundo sub19; as padexeiras Estefanía Fernández e Lucía Val, campioas do Mundo no K4 500 ou o golfista Ignacio Mateo, clasificado para o Open de España.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Plan integral de benestar dixital, que será, a partir de agora, a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido destas. O documento, que leva aparellado un orzamento de 7,4 millóns de euros, inclúe un paquete de 'medio cento de medidas' estruturadas en cinco eixes para desenvolver ao longo de cinco anos ata 2030. Segundo abondou Rueda, o plan, deseñado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nace co obxectivo de blindar os centros educativos como 'contornas dixitais seguras' e saudables onde a innovación avance da man da protección, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas.
Galicia chega un ano máis a unha das maiores citas internacionais do sector turístico cunha extensa programación no seu stand do pavillón 9 de Ifema, que inclúe máis de 50 presentacións ao longo de tres xornadas dirixidas fundamentalmente ao sector turístico. A axenda reflicte o compromiso cun modelo turístico sostible, responsable e diversificado, no que se pon en valor a identidade propia dos territorios, a colaboración institucional e a variedade da oferta. A comunidade presentará unha serie de propostas que van desde a promoción de turismo deportivo, cultural, termal, gastronómico e dos distintos Camiños de Santiago.
As bibliotecas da Xunta de Galicia remataron 2025 cunha suba de ata 289.883 do número de carnés de usuarios, o que supón preto de 9.000 máis que o pasado ano. Precisamente, os seus propietarios son os protagonistas das actividades que celebrarán mañá, sábado, e o vindeiro luns, día 12, co gallo do Día das persoas usuarias, efeméride que este ano coincide en domingo. Por estes motivos, a programación repartirase entre estes dous días con visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteos de libros e premios aos lectores máis activos.
O circuíto estatal AIEnRUTa-Artistas inicia a súa nova programación coa participación das bandas galegas Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures, que ata xuño ofrecerán concertos por salas de toda España. Os concertos galegos desta primeira metade do ano arrancaronn o 9 en Tafalla con Mad Martin Trio, que tamén toca o sábado 10 en Logroño, o 7 de marzo en Huesca e o 18 en Alacante. Eladio y Los Seres Queridos actuará en Bilbao o 20 de febreiro, en Oviedo o 21 dese mes, en Palencia o 17 de abril e en Valladolid o 18; mentres De Ninghures estará en Bilbao o 27 de febreiro, Madrid o 10 de abril, Donostia o 17 dese mes e Barcelona o 29 de maio.
A onda epidémica da gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na comunidade. Galicia segue a incrementar o número de vacinados fronte á gripe, con 876.347 persoas esta temporada, e cun especial incremento da cobertura vacinal dos maiores de 65 anos, cun 73,17 % de vacinados, o que supón dous puntos máis que o ano pasado. Tamén aumentou notablemente a porcentaxe de persoal sanitario vacinado, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos con respecto a 2024. No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 2 puntos porcentuais, superando o 48 %.
A Xunta de Galicia impulsa a calidade, a innovación e a proxección do Sistema universitario de Galicia a través do selo de excelencia, un distintivo do que gozarán neste novo ano unha vintena de titulacións. Para acadar esta cifra, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP ten aberto neste momento dous procesos. Por unha banda, ata o 5 de febreiro as universidades poden solicitar o recoñecemento para un máximo de seis graos, dous por cada institución. Ademais, ata o 28 de febreiro está aberto o procedemento para renovación dos másteres. Este selo, creado polo Goberno autonómico, recoñece aquelas titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico, así como pola súa capacidade de adaptación ás demandas actuais da sociedade.