Noticias

A onda epidémica de gripe rexistra unha intensidade baixa e tendencia decrecente

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana dúas do ano, que rematou o 11 deste mes, no que se sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente. Respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 4 % e fica en 72,7 consultas por 100.000 habitantes. Con todo, só se observou unha diminución da taxa de consultas no grupo de 20 a 59 anos, do 7,8 %. No caso do grupo de 5 a 19 anos rexistrouse unha suba do 13,9 %. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos, con 99,3 consultas por 100.000 habitantes.

Por áreas sanitarias, a taxa de consultas por gripe foi inferior á da semana anterior en todas elas, agás na área sanitaria da Coruña e Cee; de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; e na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Respecto dos ingresos por gripe, o número descendeu un 13 % respecto da semana anterior, 372 ingresos fronte a 429, sendo a taxa de 13,7 ingresos por 100.000 habitantes. O descenso da taxa observouse en todos os grupos de idade e en todas as áreas sanitarias agás na da Coruña e Cee, onde aumentou un 24, 6%.

No que vai de tempada da gripe notificáronse 3.646 ingresos, a maioría deles con virus do tipo A.

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 5,6 % e un 32,3 %, respectivamente.

En canto á porcentaxe de positividade das mostras estudadas para virus da gripe, na semana dúas obsérvase un novo descenso respecto da anterior (22,7 % fronte a 25,2 %), en continuidade coa tendencia iniciada tras o máximo da onda na semana 49. O virus do tipo A continúa a ser o predominante.

Evolución

Segundo os datos reflectidos neste informe, semella que se consolida a tendencia decrecente da actividade gripal, se ben este descenso estase producindo lentamente. Non obstante, hai que ter en conta que o nivel de intensidade segue a ser baixo e que continuamos en onda de gripe, polo que é preciso manter a vixilancia epidemiolóxica e as medidas de prevención e control recomendadas ata que esta finalice.

Malia tendencia decrecente, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.

R., 2026-01-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES