Noticias

Galicia mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na onda epidémica da gripe, fronte á que se vacinaron nesta campaña máis de 876.000 persoas

A onda epidémica da gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na comunidade. Galicia segue a incrementar o número de vacinados fronte á gripe, con 876.347 persoas esta temporada, e cun especial incremento da cobertura vacinal dos maiores de 65 anos, cun 73,17 % de vacinados, o que supón dous puntos máis que o ano pasado. Tamén aumentou notablemente a porcentaxe de persoal sanitario vacinado, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos con respecto a 2024. No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 2 puntos porcentuais, superando o 48 %.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, informou dos últimos datos da incidencia da onda epidémica da gripe, que mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na comunidade. Neste contexto, situou a vacinación como alicerce fundamental para facer fronte aos virus respiratorios e destacou que Galicia segue a incrementar o número de vacinados fronte á gripe, con 876.347 persoas esta temporada.

Gómez Caamaño, nunha rolda de prensa na que tamén participou a directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades, Marta Piñeiro, destacou o especial incremento da cobertura vacinal fronte á gripe dos maiores de 65 anos, cun 73,17 % de vacinados, o que supón dous puntos máis que o ano pasado.

Tamén aumentou notablemente a porcentaxe de persoal sanitario vacinado, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos con respecto a 2024. No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 2 puntos porcentuais, superando o 48 %.

Con todo, o grupo de idade no que se atopa unha maior implicación segue a ser o de maiores de 80 anos, que supera as taxas de 2024 e este ano acada o 82,5 % de vacinados.

En canto á vacinación fronte á covid-19, cunha poboación diana menor, administráronse preto de 480.000 doses e acadouse unha cobertura do 60 % en maiores de 70 anos.

No referente á inmunización dos bebés fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), coa campaña en marcha ata o 31 de marzo, o 96,5 % dos nenos e nenas nados en campaña foron inmunizados no hospital e o 94,7 % dos menores de 6 meses recaptados por nacer fóra das datas da campaña. En total, máis de 10.100 menos foron vacinados fronte ao virus responsable de enfermidades como a bronquiolite.

O conselleiro de Sanidade lembrou a boa marcha do ensaio clínico Sincigal, de vacinación de maiores de 18 anos fronte ao VRS, no que xa participaron máis de 18.000 persoas.

Descenso da onda de gripe

Segundo o último informe de vixilancia epidemiolóxica das enfermidades respiratorias elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, correspondente á primeira semana do ano, a onda da gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente, logo de acadar o pico na semana 49, a comezos de decembro.

Non obstante, o aumento dos ingresos hospitalarios na última semana e tamén da venda de antigripais nas farmacias sentinela, unido ao efecto das festas de Nadal, introducen elementos que chaman á cautela, especialmente nos grupos de maior risco, ata confirmar a finalización da onda epidémica da gripe.

O informe recolle o descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 5,6 %, situándose en 75,7 consultas por cada 100.000 habitantes. Porén, o grupo de maiores de 80 e máis anos experimentou un incremento do 45 %, acadando unha taxa de 72,1 consultas por 100.000 habitantes.

En canto a hospitalizacións, a media de ingresos por gripe é de 15,5 por cada 100.000 habitantes. Na primeira semana do ano foron hospitalizadas 420 persoas con gripe confirmada. En concreto, obsérvase un descenso no grupo de 5 a 19 anos; e o aumento dos ingresos prodúcese nas persoas de maior idade, especialmente en maiores de 80 anos, cun incremento de máis do 27 % e 89,2 ingresos por gripe por 100.000 habitantes.

A taxa de hospitalizacións incrementouse practicamente en todas as áreas sanitarias, sobre todo en Ferrol e en Lugo, aínda que a de Ourense é a área con maior taxa de ingresos, con 24,9 por 100.000 habitantes.

No que vai de tempada, notificáronse 3.259 ingresos, a maioría con gripe A.

O conselleiro de Sanidade fixo especial mención ao bo funcionamento dos servizos sanitarios durante o Nadal, unhas datas especialmente sensibles polo aumento da presión asistencial pola afección dos virus respiratorios e a redución de persoal polos días de descanso e vacacións aos que teñen dereito os profesionais.

Con todo, o Servizo Galego de Saúde respondeu con normalidade e sen incidencias destacadas, ao dispoñer e manter todos os medios operativos, segundo o recollido no Plan de inverno, garantindo a asistencia sanitaria en todo momento á poboación.

Gómez Caamaño sinalou que, durante a segunda quincena de decembro, se atenderon máis de 50.500 urxencias hospitalarias, sendo a área da Coruña e Cee e a de Vigo as que atenderon máis urxencias nos hospitais, máis de 10.000 en cada unha delas.

A maior presión nas urxencias hospitalarias nesta segunda quincena de decembro soportouna a área sanitaria de Ourense, seguida da de Vigo, se ben con valores similares aos do pasado ano por estas mesmas datas.

O conselleiro de Sanidade quixo agradecer o labor dos profesionais do Servizo Galego de Saúde na asistencia e na prevención a través da campaña de vacinación, ademais de poñer en valor o compromiso da cidadanía coa protección fronte ás enfermidades respiratorias.

R., 2026-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES