Noticias

As titulacións universitarias galegas distinguidas co selo de excelencia chegarán este ano a unha vintena

A Xunta de Galicia impulsa a calidade, a innovación e a proxección do Sistema universitario de Galicia a través do selo de excelencia, un distintivo do que gozarán neste novo ano unha vintena de titulacións. Para acadar esta cifra, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP ten aberto neste momento dous procesos. Por unha banda, ata o 5 de febreiro as universidades poden solicitar o recoñecemento para un máximo de seis graos, dous por cada institución. Ademais, ata o 28 de febreiro está aberto o procedemento para renovación dos másteres. Este selo, creado polo Goberno autonómico, recoñece aquelas titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico, así como pola súa capacidade de adaptación ás demandas actuais da sociedade.

A iniciativa inscríbese nas políticas da Xunta para reforzar a excelencia universitaria, promover a innovación docente e aliñar a oferta formativa coas tendencias internacionais, contribuíndo así a elevar os estándares de calidade e a visibilidade das universidades galegas a nivel nacional e europeo.

Incorporación de novos graos de excelencia

No caso do Selo de Grao de Excelencia, poden optar a el seis titulacións impartidas de xeito ininterrompido desde o curso 2020/21. Cada universidade pode presentar un máximo de dúas solicitudes, tanto para graos impartidos en exclusiva como para titulacións conxuntas nas que actúe como universidade coordinadora. Actualmente, dispoñen deste recoñecemento tres títulos na primeira e única convocatoria celebrada anteriormente.

As candidaturas serán avaliadas cun máximo de 100 puntos, distribuídos en oito bloques de criterios. Para obter o selo, é necesario acadar 90 puntos ou máis. Os aspectos avaliados son os seguintes: estratexia e resultados (25 puntos), inserción laboral (20), calidade da proposta presentada (15), currículo (10), deseño do proceso de ensino-aprendizaxe (10), profesorado (10), avaliación (10) e internacionalización (10).

O Selo de Grao de Excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación. A concesión, ademais do recoñecemento, supón un financiamento extraordinario, cunha dotación de 60.000 euros anuais, o que supón un investimento total de 360.000 euros ao longo do período. As titulacións que obtiveron este selo na pasada convocatoria, a primeira realizada, foron os graos en Enxeñaría Informática e Fisioterapia da Universidade da Coruña e o grao en Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo.

Renovación da mención de máster de excelencia

No caso dos másteres universitarios, a Consellería de Educación ten aberto o prazo para a renovación da mención de excelencia concedida no curso 20/21, cuxa vixencia remata o 31 de agosto de 2026. As titulacións que poden participar nesta convocatoria son os máster de Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, o máster en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e o máster de Biotecnoloxía Avanzada impartido pola Universidade de Vigo e a da Coruña.

As universidades deben presentar ata o 28 de febreiro, de forma electrónica, a correspondente solicitude de renovación, acompañada dunha memoria de autoavaliación e dun plan de mellora, de acordo cos requisitos establecidos na normativa vixente.

Actualmente, dispoñen deste selo un total de 14 másteres das tres universidades públicas galegas, concedidos nas diferentes convocatorias celebradas nos últimos anos.

R., 2026-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Notas

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES