Buscador
Noticias
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para coordinar conxuntamente actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola Unesco para os vindeiros meses, ante a avaliación que terá lugar en xullo no Comité deste organismo, que se celebrará en Corea do Sur. O titular de Cultura lembrou que 'Ribeira Sacra: Paisaxe da auga' foi seleccionada como a candidatura de España para ter este recoñecemento internacional polo atributos 'excepcionais e únicos' deste territorio. Neste senso, incidiu en que se presenta unha paisaxe construída co uso da auga 'dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial', argumentou.
O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta do público galego, que está a encher o Salón Teatro de Santiago de Compostela en todos os pases desta produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións. Coas entradas xa esgotadas para as funcións programadas na sede da compañía pública desde o pasado día 8 ata o domingo 25 e do 11 ao 15 de febreiro, o equipo prepara xa o inicio dunha xira que arrancará en nove escenarios das catro provincias.
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a taxa de positividade e xa é do 9,8 % na semana 3 do ano (do 12 ao 18 de xaneiro), cando a semana anterior era do 8 %, segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un incremento na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos. En concreto, o incremento foi do 5 % no grupo de nacidos entre abril e setembro de 2025. Para o global de menores de dous anos a taxa aumentou un 20,4 % con respecto á semana previa.
Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco. Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a USC sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon.
A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou hoxe, na súa reunión constitutiva, a creación de dous grupos de traballo para facilitar estas tarefas. Así mesmo, autorizouse a incorporación á mesma dun representante do estudantado. Un dos grupos de traballo centrarase no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades da Coruña e Vigo para materializar a descentralización. O segundo deles terá un carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva.
Co remate das festas do Nadal, o inverno instálase con forza no mes de xaneiro. Trátase dunha época na que as condicións meteorolóxicas adoitan ser máis duras e na que modificamos rutinas cotiás que, sen as debidas precaucións, poden derivar en situacións perigosas. As temperaturas baixas, os desprazamentos por estradas complicadas, o uso continuado da calefacción e os episodios de vento e chuvia fan imprescindible unha actitude responsable por parte da poboación.O 112 Galicia atende emerxencias durante todo o día, pero o obxectivo principal é evitalas. A prevención continúa a ser a mellor ferramenta para reducir riscos.
A enquisa publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ás cifras poboacionais de referencia correspondentes ao primeiro semestre de 2025 pon de manifesto que Galicia continúa gañando poboación e rexistrando unha tendencia demográfica positiva. Concretamente, en xullo de 2025, a poboación de Galicia cifrouse en 2.720.738 habitantes, un total de 5.997 persoas máis que a principios dese mesmo ano, o que supón un incremento do 0,22% no semestre. En termos interanuais, a poboación de Galicia incrementouse en case 15.000 habitantes en doce meses, ao pasar das 2.705.832 persoas en xullo de 2024 ás 2.720.738 do mesmo mes de 2025, o que implica un crecemento do 0,55%.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter hoxe un encontro co seu homólogo na Rioxa, Gonzalo Capellán, volveu rexeitar a proposta de modelo de financiamento autonómico feita polo Goberno central xa que rompe a solidariedade e a igualdade entre as comunidades. 'No caso de Galicia, saímos especialmente prexudicados porque se rompen principios que para nós son absolutamente irrenunciables como a negociación conxunta, a exclusión de bilateralidades, o mantemento da solidariedade e da igualdade en servizos básicos entre todos os territorios', apuntou. 'Somos algo máis do 6,5% da poboación axustada de España e na nova repartición non chegariamos nin ao 3% dos recursos'.
Galicia volve bater o seu propio récord con 429 transplantes e 143 doadores de órganos durante o ano 2025. Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón. Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, tendo en conta que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os 4 realizados en 2024 aos 7 de 2025.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo este mediodía unha reunión con representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema. Esta xuntanza enmárcase nos contactos permanentes que se veñen establecendo cos produtores da nosa comunidade e súmase ás mantidas con anterioridade, como a de onte en Ourense ou a do pasado 5 de xaneiro, co fin de coñecer as súas demandas e defender os seus intereses ante o novo acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Seguindo esta liña, mañá venres está convocado o Consello Agrario.