Noticias

Galicia sitúase entre as seis comunidades con maior número de spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas

Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco. Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a USC sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe que a “ciencia que xeramos está comezando a transformarse en empresas, en solucións e en impacto real para a sociedade e que Galicia ocupa unha posición destacada a nivel estatal na creación de empresas de tecnoloxías profundas”. Estas tecnoloxías, que entre outras son a cuántica e a intelixencia artificial, enmárcanse como un ámbito de especialización para Galicia no Plan galego de investigación e innovación 25-27. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP fixo esta reflexión durante o acto de presentación do informe O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025, organizado pola Fundación Mobile World Capital Barcelona e a Universidade de Santiago de Compostela.

O estudo, que analiza o conxunto de empresas emerxentes de tecnoloxía profunda (deep tech) creadas en España a partir da investigación, conclúe que Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco.

Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon. En canto aos sectores de actividade destas empresas, en Galicia teñen un peso destacado o sector biotecnolóxico e as TIC. Por último, o informe menciona a Axencia Galega de Innovación como axencia autonómica impulsora de programas de apoio a estas spin-offs.

Apoio á transferencia de coñecemento

Carmen Cotelo lembrou que este informe recolle que o gran reto “xa non é xerar coñecemento, senón transformalo en impacto económico e social”. Para iso, apuntou que é preciso “conseguir que máis proxectos medren, atraer capital especializado, reforzar a conexión coa industria tractora e acceder a mercados internacionais”.

Para valorizar este coñecemento, a Xunta de Galicia conta co programa Ignicia, unha iniciativa pioneira que leva apoiados desde 2016 un total de 41 proxectos de universidades, centros de investigación, fundacións de investigación sanitaria e centros tecnolóxicos, dos que 14 xa chegaron ao mercado (11 constituíronse como spin-offs e dan emprego a máis de 150 persoas e tres asinaron acordos coa industria para a comercialización dos resultados dos seus proxectos).

O programa Ignicia conta con nove proxectos actualmente en desenvolvemento e verase reforzado proximamente con novas medidas para impulsar activamente a creación e desenvolvemento de start-ups.

R., 2026-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES