Noticias

A comisión de seguimento do acordo de Medicina aproba crear dous grupos de traballo en materia xurídica e económica

A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou hoxe, na súa reunión constitutiva, a creación de dous grupos de traballo para facilitar estas tarefas. Así mesmo, autorizouse a incorporación á mesma dun representante do estudantado. Un dos grupos de traballo centrarase no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades da Coruña e Vigo para materializar a descentralización. O segundo deles terá un carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva.

Forman parte da comisión de seguimento os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, Antonio López, Ricardo Cao e Manuel Reigosa; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o xerente do SERGAS, José Ramón Parada.

En representación de cada un dos hospitais universitarios actúan Andrés Soto Varela polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Carlos Vázquez Barro polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e Ana Concheiro Guisán polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Así mesmo, forman parte da comisión os vicerreitores de Titulacións en exercicio, é dicir, Moisés Canle pola UDC e Alfonso Lago pola UVigo. No caso da USC, asistiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, dado que a Vicerreitoría de Titulacións está vacante neste momento polas próximas eleccións na Universidade. Completan a composición o decano Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Martín Carreira, e o da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, Iván de Rosende.

Sinatura do acordo

Ademais de constituírse a comisión de seguimento, os dous conselleiros e os tres reitores asinaron hoxe o convenio para a descentralización da docencia do grao en Medicina, ratificado onte mesmo polo Consello da Xunta.

A folla de ruta consensuada establece a descentralización progresiva de toda a docencia de Medicina nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas galegas, cun cronograma de catro anos académicos, o que permitirá que por primeira vez se poida estudar nas tres cidades todo o segundo ciclo deste grao.

Para iso crearanse unidades docentes nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña e de Vigo que acollerán, cada unha delas, o 25% do alumnado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, así como ao profesorado que imparta a docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesores adscribirase ás universidades da Coruña e Vigo.

O calendario incluído no acordo establece que no ano académico 2028/29, os cursos 4º, 5º e 6º do grao en Medicina se impartan totalmente descentralizados nos hospitais universitarios vinculados a cada universidade, manténdose a participación no rotatorio do resto dos hospitais públicos galegos e outros centros das respectivas áreas sanitarias.

Os conselleiros salientaron que o obxectivo é poñer todas as potencialidades e talento dos sistemas educativo e sanitario público ao servizo da formación dos futuros médicos e da investigación. Ademais, quixeron tamén poñer en valor a capacidade de todos os axentes implicados para ceder e consensuar a opción máis proveitosa para o ben común.

R., 2026-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES