Noticias

O virus respiratorio sincitial segue a incrementar a positividade e achégase ao 10 %

O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a taxa de positividade e xa é do 9,8 % na semana 3 do ano (do 12 ao 18 de xaneiro), cando a semana anterior era do 8 %, segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un incremento na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos. En concreto, o incremento foi do 5 % no grupo de nacidos entre abril e setembro de 2025. Para o global de menores de dous anos a taxa aumentou un 20,4 % con respecto á semana previa.

En canto a hospitalizacións, rexistrouse un ingreso na última semana no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e ningunha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.

Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,2 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 94,9 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.

Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana producíronse 4 ingresos entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e 2 ingresos no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.

En adultos, na segunda semana do ano rexistráronse 35 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 25 correspóndense a maiores de 80.

R., 2026-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES