Noticias

Galicia continúa incrementando a súa poboación, con case 6.000 habitantes máis no primeiro semestre do 2025

A enquisa publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ás cifras poboacionais de referencia correspondentes ao primeiro semestre de 2025 pon de manifesto que Galicia continúa gañando poboación e rexistrando unha tendencia demográfica positiva. Concretamente, en xullo de 2025, a poboación de Galicia cifrouse en 2.720.738 habitantes, un total de 5.997 persoas máis que a principios dese mesmo ano, o que supón un incremento do 0,22% no semestre. En termos interanuais, a poboación de Galicia incrementouse en case 15.000 habitantes en doce meses, ao pasar das 2.705.832 persoas en xullo de 2024 ás 2.720.738 do mesmo mes de 2025, o que implica un crecemento do 0,55%.

A estatística publicada hoxe polo IGE tamén revela que seis das sete grandes cidades gañaron poboación no primeiro semestre do 2025. Deste xeito, a que máis aumentou o seu número de habitantes en termos relativos foi a cidade de Ferrol, un 3,09%, sumando 2.005 habitantes máis en seis meses. Mentres tanto, Pontevedra foi a única que rexistrou un descenso, cunha baixada de 75 persoas. Pola súa banda, os concellos de Santiago de Compostela e Lugo superaron os 100.000 habitantes no 1 de xaneiro de 2025 e mantéñense por riba desta cifra no 1 de xullo de 2025.

Ademais, durante o primeiro semestre de 2025 tamén gañaron poboación a metade das comarcas de Galicia. A que máis incrementou o número de habitantes en termos absolutos foi a comarca de Ferrol, que sumou 2.228 persoas máis en seis meses. E a que porcentualmente gañou máis poboación nese mesmo período foi a comarca da Ulloa, cun aumento do 2,42%.

Estes datos estatísticos poñen de manifesto o impacto das políticas da Xunta de Galicia de apoio ás familias galegas, como a gratuidade das escolas infantís, a rede de casas niño no rural, o Bono Concilia Familia ou Tarxeta Benvida.

R., 2026-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES